Análise

Cadro de mando

O economista achega 25 variábeis que considera chaves para a economía galega. (Ilustración: Álex Rozados)
O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo analiza para 'Nós Diario' as 25 variábeis chave da economía galega.

Os comezos de cada ano son propicios para fixar obxectivos. Nas empresas, os obxectivos utilizaranse para realizar as valoracións de desempeño, que adoitan ser mensuais, trimestrais e anuais. En economía, os informes de conxuntura farán o seguimento das principais variables, tipicamente crecemento PIB, desemprego, inflación e déficit público. Este comportamento habitual en calquera contexto empece a visión de longo alcance que calquera análise económica debería contemplar e que resulta ben máis significativa que as cifras de evolución trimestral ou anual. 

Gobernos, institucións (IGE incluído), partidos, universidades, deberían dispoñer dun panel esencial ou cadro de mando a catro ou cinco anos que permitise a avaliación continua das políticas económicas. Aproveito este comezo de ano para propor a serie de variables que permitirían acadar diagnósticos acertados e, xa que logo, útiles para deseñar a estratexia económica de Galicia.

Galicia ten a capacidade de actuación restrinxida en políticas importantes, como a fiscal e a monetaria

Lembremos que, como comunidade autónoma dentro dun Estado pertencente á Unión Europea, Galicia ten a capacidade de actuación restrinxida en políticas importantes como a de infraestruturas, a fiscal ou, por suposto, a monetaria, así que a súa capacidade principal localízase nas políticas sectoriais (industrial, agraria, I+D, medioambiental, educación ou a enerxética parcialmente). 

Estas serían as 25 variables clave dun cadro de mando da economía galega e a xustificación do porqué da súa selección: 

—Peso económico de Galicia sobre España: a evolución xeral da economía galega está condicionada, obviamente, polo ciclo económico e por iso, máis significativo que a cifra de crecemento do PIB será a relación entre os PIB galego e español. 

—Poboación residente en Galicia: a evolución do número de habitantes é un  indicador da capacidade de atracción dun territorio. No caso de Galicia, o dato débese complementar coa ratio de poboación sobre o total español.  

—Poboación activa: son as galegas e galegos maiores de 16 anos dispostos a traballar. De novo, o peso sobre o total español representa un sinal de dinamismo significativo. 

—Poboación ocupada: identifica as persoas cun posto de traballo, sexa por conta propia ou allea. En número absoluto e relativo sobre o total español, sintetiza mellor que a cifra de paro se a economía tira ou non tira. 

—Poboación desocupada: É o negativo da variable anterior cuxa ratio sobre a poboación activa dá o índice de desemprego. 

—Movemento migratorio: obtense comparando as chegadas e saídas de residentes en Galicia. Especialmente representativo resulta o saldo migratorio da xente moza. 

—Saldo comercial con CCAA españolas: España é o principal mercado exterior das empresas galegas e por iso débese monitorizar a evolución das importacións e exportacións co conxunto de comunidades autónomas e con cada unha delas. 

—Saldo comercial co estranxeiro: para completar o nivel de competitividade da economía galega, é preciso tamén coñecer os datos de comercio exterior cos países da Unión Europea e o resto de mercados exteriores. 

—Investimento I+D: é o primeiro factor de competitividade dunha economía. Debe seguirse o detalle entre público e privado e a comparativa coa media española e da Unión Europea. 

—Patentes e licenzas rexistradas: son unha boa expresión do nivel da transferencia tecnolóxica derivada do I+D. 

—Índice reputacional das universidades galegas: as universidades deben ser centros motrices da actividade económica dun territorio e os índices reputacionais son un sinal sintético para a súa avaliación.  

—Creación novas empresas: o emprendemento constitúe hoxe en día un factor relevante do dinamismo económico e vese reflectido na posta en marcha de novas iniciativas empresariais. 

—Dimensión media das empresas: variable clave de competitividade dada a superior capacidade de innovación e penetración nos mercados que implica un maior tamaño medio das empresas que conforman o tecido produtivo dun país.  

—Peso produción agraria sobre total español: o agro representa a garantía de subministro de produtos de primeira necesidade e un input esencial dos sectores alimentarios, motivo polo cal a cota de Galicia sobre España resulta importante de monitorizar. 

—Superficie Agraria Útil: sen terra habilitada, non hai produción agraria. Xa que logo, a SAU é outra variable crítica a seguir. 

—Produtos agrarios de consumo humano: a produción agraria pódese dedicar ao consumo humano, á alimentación animal ou á industria. Débese seguir expresamente o primeiro deses destinos. 

—Produción ecolóxica: o peso da produción ecolóxica sobre a total tórnase tamén unha variable importante polo seu impacto nos solos e o medio en xeral. 

—Peso produción industrial sobre total español: existe consenso en Europa sobre a transcendencia de recuperarmos a produción industrial. 

—Ratio entre produción e consumo de enerxía eléctrica: un exceso de produción eléctrica sobre o consumo propio implica unha ineficiente asignación de recursos económicos propios.

—Emisións CO2: imprescindible seguir a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

—Débeda pública por habitante: a variable en comparación co resto de CCAA serve como avaliación da xestión das contas públicas. 

—Número funcionarios públicos sobre total de traballadoras e traballadores: en liña coa variable anterior. 

—Camas hospitalarias por 100.000 habitantes: en comparación coas cifras das CCAA, serve para medir a eficiencia da xestión dos recursos públicos. 

—Número de facultativos por 100.000 habitantes: ídem variable anterior. 

—Educadores por 100.000 habitantes: ídem variable anterior.