A frota mariñá substitúe o bonito por especies que dan un maior rendemento
A 'costeira do bonito' ten un século de vida en Burela, logo de que mariñeiros vascos ensinaran as artes de pesca aos pescadores da localidade mariñá. Os primeiros boniteiros burelaos saían e volvían no día coas capturas durante a época que vai de maio a setembro-outubro. Durante varias décadas os barcos boniteiros só se dedicaron a esta arte quedando amarrados de outubro até maio. Así, os mariñeiros facían labores en terra durante o inverno mentres no verán ían pescar. Co tempo, as necesidades económicas para sacarlle rendibilidade ás embarcacións empurraron os armadores a profesionalizar as tripulacións. Durante os anos 80 a costeira do bonito no verán converteuse nunha actividade complementaria doutras pescas como as do peixe espada ou o marraxo durante os meses de inverno.
A entrada na UE trouxo moitos cambios para a pesca galega, entre eles o despece de barcos, que reduciu a frota considerabelmente e tamén derivou en conflitos con outras frotas europeas que usaban técnicas de pesca moi daniñas como é a volanta.
A pesca
O elemento distintivo das frotas cantábricas da península é o uso de métodos de pesca denominados “selectivos”, só se vai pescar bonito, non se captura outra especie. Os sistemas máis usados son a cacea e o cebo vivo. A primeira é a máis usada entre barcos galegos mediante a colocación de dúas varas longas a babor e estribor das que colgan liñas de anzós con cebo artificial para capturar o peixe.
O número de liñas na cacea depende das dimensións do barco que está en movemento mentres pesca e esta acción en conxunto ten un verbo: “cacear”. As varas tradicionais eran eucaliptos novos cortados e logo adaptados ao barco. A día de hoxe estes elementos son feitos en aluminio “ad hoc” como explica o presidente da Confraría de Pescadores de Burela, Basilio Otero.
Na pesca a cacea os bonitos seguen o cebo ou engado colocado no anzol. Este engado antigamente facíase con teas de cores e follas de millo que ían cortadas para semellar un peixe moi pequeno que atraía ao bonito. Hoxe en día eses engados son polbiños ou calamares de plástico tamén de diversas cores.
Á pesca con cebo vivo, que actualmente só practican Cantabria e Euskadi, tamén se lle chama “tanquedo” ou “ao tanque”. Para esta modalidade os barcos dispoñen de viveiros (tanques) nos que conservan vivo o cebo que é normalmente chicharriño, parrocha, bocartiño ou paparda. Estes peixes son capturados con rede previamente cerca da costa e introducidos nos viveiros.
Despois, sobre o barco parado, os mariñeiros usarán canas de dous ou cinco metros. Cando se dá co banco de bonitos a tripulación comeza a botar peixes vivos para que xurda o túnido. Seguidamente inician a rega ou botar auga polos costados dos barcos para crear unha néboa que non permita ao bonito ver a liña de anzol. Entre dúas canas hai un gancheiro no medio para coller o bonito e subilo ao barco.
O seguemento do peixe faise entre todos os barcos que compoñen a frota, máis ollos mirando máis doado de encontrar. “Logo miras que haxa pardelas que se tiren á auga para capturar o que comen os bonitos”, di Otero. Outra maneira é seguir ás baleas porque elas tamén buscan o rastro do kril, o seu sustento e tamén dos bonitos.
Os cambios e os choques con outros países
A mediados dos 80 os barcos comezaron a ir á volanta, ao peixe espada e outras especies e viron que algunhas eran máis rendibles que o bonito. “Así se transformaron en barcos profesionais durante o ano enteiro”. Hoxe en día quedan barcos que van ao bonito por tradición e tamén, até hai uns anos, para non esgotar as cotas de pescada marcadas pola UE. Agora as cotas son máis elevadas e permiten capturar pescada todo o ano debido ao aumento do stock deste peixe.
Tamén houbo uns anos en que a captura do bonito se pechou no mes de agosto, iso fixo que os armadores virasen para outras pesqueiras. Os motivos destes peches en agosto foron “as grandes capturas da xente que vai con cebo vivo” esgotando a cota de bonito antes de tempo. Nesa época, os barcos do tanque “en moi pouco tempo moveron 40 ou 50 mil quilos”, facendo caer a cota boniteira moi axiña.
Actualmente son tres ou catro os boniteiros en Burela aínda que hai moitos máis que se apuntan por se acaso tivesen que compensar capturas. Ultimamente van barcos que tradicionalmente traballan outras artes de pesca, embarcacións de tamaño grande que si ven certa recompensa na costeira