Bruxelas multa Glovo e Delivery Hero con 329 millóns de euros por prácticas ilegais para repartirse o mercado

Un traballador de Glovo polas rúas da zona vella de Santiago de Compostela. (Foto: Riobó Prada)
Bruxelas sanciona as compañías por un pacto para non contratar persoal da outra firma, para intercambiar información sensíbel como políticas de prezo e por dividir entre elas os mercados estatais.

A Comisión Europea anunciou esta segunda feira unha multa de 329 millóns de euros a Glovo e Delivery Hero por violar as regras de competencia da Unión Europea (UE) con prácticas abusivas como o intercambio de información sensíbel, pactos para non contratar persoas empregadas da outra firma ou repartirse os mercados dentro do Espazo Económico Europeo (EEE).

Bruxelas sitúa o inicio do cártel entre dúas das principais marcas do sector da repartición de comida a domicilio en xullo de 2018, cando Delivery Hero adquiriu unha parte minoritaria de Glovo, e estabelece que as prácticas deixaron de ser puníbeis en xullo de 2022, cando Delivery pasou a ter o control total da outra compañía.

A Comisión Europea acusa estas dúas empresas de retirar "progresivamente" durante ese período de catro anos as "restricións competitivas" que existían entre as dúas empresas para substituílas "por unha coordinación anticompetitiva de múltiples capas".

Por iso, os servizos comunitarios impoñen unha multa de 223,2 millóns de euros a Delivery Hero e outra de 105,7 millóns a Glovo, tras aplicar 10% de redución na sanción por recoñecer a súa participación no cártel e asumir a responsabilidade.

As tres infraccións

En concreto, Bruxelas castiga tres infraccións, incluídas as cláusulas recíprocas para impedir que unha compañía recrute persoal da outra firma; un pacto que inicialmente abarcaba unhas categorías concretas de empregadas mais que despois se foi ampliando tamén até ter un impacto xeneralizado sobre case a totalidade do persoal.

O segundo campo de infracción ten que ver co intercambio de información sensíbel como políticas de prezos, estratexias de venda, custos ou capacidade de produción, co obxectivo de "aliñar" as súas dinámicas e poder así "influír" nos mercados comunitarios da distribución de comida a domicilio.

Finalmente, a terceira práctica que Bruxelas castiga por abusiva refírese aos acordos para dividir os mercados estatais da venda en liña de alimentos no Espazo Económico Europeo (EEE), incluso evitando a entrada da outra nos seus respectivos mercados estatais ou coordinando a entrada noutros nos que até ese momento ningunha das dúas tiña presenza.