Bruxelas abre a porta a axudar ao mexillón galego fronte a caídas de prezos

 

"É unha medida para poder dar estabilidade ao mercado deste produto e ás rendas dos produtores", sinala a eurodeputada nacionalista Ana Miranda

A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo acaba de aprobar o Regulamento da OCM do Sector dos Produtos da Pesca e da Acuicultura, o denominado Informe Stevenson, para o período 2014-2020, no que se recolle a proposta presentada polo BNG, vía emenda, de incluír o mexillón galego (mytilus spp.) como produto que pode ser subvencionable para evitar caídas no seu prezo.

"Con esta inclusión as organizacións de produtores poderán recibir financiamento para almacenar mexillón en caso de producirse importantes descensos nos prezos de venda, e evitar así un deterioro das rendas", explica a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda. "É unha medida para poder dar estabilidade ao mercado deste produto e ás rendas dos produtores".

O novo regulamento desta OCM tamén asume, -como solicitaba o BNG-, a inclusión específica da acuicultura extensiva, para diferenciala da acuicultura intensiva ou industrial, con característica "moi diferentes tanto en termos medioambientais como de xeración de emprego", salientou Miranda.

Neste sentido, o informe Stevenson incorpora outra emenda da formación nacionalista pola que se propón promover os produtos de acuicultura sostible a través das denominacións de orixe protexidas "aproveitando a súa capacidade de certificación garantindo a calidade e sustentabilidade do produto, como é o caso do mexillón galego, o que supón unha vantaxe competitiva para o noso sector que non debemos desaproveitar e así se recolle no regulamento da OCM", argumenta a eurodeputada nacionalista.

 Claridade para o consumidor

Igualmente, o regulamento da organización común de mercado para o sector da pesca e a acuicultura recolle a proposta do BNG para reforzar a transparencia ante o consumidor da procedencia dos produtos do mar, en particular aqueles que son de fácil confusión, de tal xeito que este coñeza en todo momento donde foi capturado o mexillón que consume, tanto en fresco como en conserva.

"O regulamento da OCM inclúe a compatibilidade da normativa sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos alimenticios", salienta Miranda.

Comentarios