Brais Pérez, informático: "O bloqueo de webs por parte de La Liga prexudica moitas empresas alleas ao 'pirateo' de partidos"
—Como saíu a luz esta problemática e como lles está a afectar?
A actuación de La Liga e Movistar comezou a principios deste ano e estes días, con motivo do encontro entre o Barcelona e o Real Madrid, xa foi unha tolemia. Teño moitas amizades no sector e é un problema que nos afecta moito. Os seus negocios e servizos dependen de internet. Non é algo menor, afecta moitos clientes do Estado español. Hai persoas que teñen negocios online e subcontrataron o servizo de hosting; non son informáticos, e non se decataron da baixada de facturación por este problema. Pode estar pasando que durante unha fin de semana con partidos de fútbol os clientes non teñan a posibilidade de acceder ás súas webs para efectuar pedidos e desde as empresas pensen que fixeron mal a publicidade eses días.
—Todas as páxinas dos enderezos IP bloqueados vense prexudicados?
Si, ao final as páxinas están en servidores e todas saen prexudicadas, como as galegas Erregueté (Revista Galega de Teatro) ou Padelio –sobre monitorización da actividade no pádel–. Mais a nivel internacional tamén actuaron en provedores como o estadounidense Cloudflare, que conta con páxinas institucionais como a da Real Academia Española ou outras corporativas como é o caso de CaixaBank.
—É lícita a actuación de LaLiga e Movistar?
A sentenza que gañou Movistar en 2022 para defenderse da pirataría indica que as actuacións non deberían afectar a terceiros. Con todo, Movistar, sabéndoo, está bloqueando IPs igualmente. Nelas hai moitas empresas e institucións que non teñen nada a ver coa pirataría e que son perfectamente legais. Non hai IPs no mundo para todos os servizos, é algo físico, polo que dentro hai moitas webs de todo tipo. Son como edificios e neste caso é como se se actuase en todo el cando sabemos que hai algo ilícito nun só piso. É indiscriminado.
—De que maneira poden responder as empresas e entidades afectadas ante esta situación?
Intentáronse parar estes bloqueos na xustiza, e desestimouse. Formouse unha comunidade de informáticos prexudicados reunidos na comunidade 'RootedCON' que están intentando dar resposta desde o sector. Desde o punto de vista do cliente unha saída é empregar [unha conexión privada] VPN, aínda que se accedes a algúns servizos como Google identifícao e ás veces non podes navegar ben. Con todo, é algo para saír do paso.
—Como debería actuar Movistar para non prexudicar as empresas que empregan internet?
Movistar o que debería facer é seguir bloqueando por dominio, como medida cirúrxica e de maneira exclusiva contra as páxinas infractoras. Outra maneira sería investigar a persoa que está emitindo eses partidos de forma pirata para lucrarse.
