O BOE publica as medidas anticrise do Goberno español pola guerra no Irán, que entran en vigor este domingo

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez. (Foto: Frederic Garrido-Ramírez)
Trátase dun plan de medidas que mobilizará 5.000 millóns de euros, segundo a estimación do Executivo estatal, conformado por dous decretos.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este sábado os dous decretos anticrise aprobados polo Goberno español esta sexta feira para mitigar os efectos da guerra lanzada polo Estados Unidos e Israel contra Irán, cunha batería de medidas que entrarán en vigor este domingo.

Trátase dun plan de medidas que mobilizará 5.000 millóns de euros, segundo a estimación do Executivo estatal, conformado por dous decretos: un real decreto lei con medidas económicas xerais, como rebaixas fiscais aos carburantes, á electricidade e ao gas e axudas aos sectores máis afectados, e outro coa conxelación dos alugueres por dous anos.

Aínda que xa publicadas no BOE, as medidas entrarán en vigor este domingo e estarán pendentes de validación no Congreso español, que as votará o 26 de marzo. Tras un Consello de Ministros e Ministras extraordinario, o presidente de Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou a aprobación dun "plan integral de resposta á crise" en Oriente Medio.

"Situacións extraordinarias exixen de respostas extraordinarias", explicou. "Ninguén sabe como vai evolucionar esta situación, esta crise. O conflito non sabemos se vai durar días ou vai durar meses ou anos. Mais os seus efectos poderían conterse ou transformarse nunha grave crise en función de cales sexan os seus efectos", sinalou.

O real decreto lei de medidas conxunturais recolle a redución do 21% ao 10% do IVE dos carburantes, a electricidade, o gas natural e biocombustíbeis, á vez que se conxela o prezo máximo de venda do butano e o propano e se recupera a bonificación nun 80% das peaxes eléctricas para a grande industria.

Ademais, súmase a suspensión temporal do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica (IVPEE), do 7%, e a redución do Imposto Especial sobre a Electricidade (IEE) do 5% ao tipo mínimo do 0,5% fixado pola Unión Europea.

A norma tamén inclúe, entre outras medidas, a rebaixa ao nivel mínimo permitido do tipo do imposto de hidrocarburos, unha axuda de 20 céntimos por cada litro de gasóleo profesional empregado na súa actividade para transportistas, agricultores, gandeiros e pescadores; e a prohibición ás empresa de acometer despedimentos obxectivos por efectos económicos derivados do conflito.

Finalmente, tamén se engadiu un maior control das marxes empresariais das empresas de subministración de combustíbel, e a conxelación temporal dos contratos de aluguer, tamén presente mais nun decreto por separado. En concreto, este segundo real decreto lei inclúe iniciativas como a prórroga extraordinaria e automática durante un máximo de dous anos dos contratos de aluguer cuxa finalización estea prevista para este ano 2026 e para 2027, que desde o Goberno español cifran en máis dun millón de contratos que afectarán 2,7 millóns de persoas.