Luz verde a dous decretos 'anticrise' do Goberno español: conxelación de alugueres e medidas contra a suba dos prezos da enerxía

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, en rolda de prensa esta sexta feira. (Foto: Matias Chiofalo / Europa Press)
A formación de Yolanda Díaz atrasara o inicio do Consello de Ministros extraordinario para incluír medidas relativas á vivenda.

O Consello de Ministros extraordinario desta sexta feira rematou finalmente con acordo entre os dous socios de Goberno, PSOE e Sumar, tras atrasar a formación de Yolanda Díaz o seu inicio para forzar a inclusión de medidas relativas á vivenda. Aprobáronse dous reais decretos distintos: un con este paquete que exixía Sumar e outro coas medidas orientadas a paliar a suba dos prezos da enerxía derivada da guerra que emprenderon os Estados Unidos e Israel contra Irán.

No primeiro destes decretos estarán incluídas medidas como a rebaixa ao 10% do IVE dos combustíbeis —fronte ao 21% actual—, de igual forma que acontece coa luz e o gas; unha redución dos tributos relativos á electricidade, e mais outras medidas como a ampliación do bono social eléctrico. Tamén se acordou unha axuda directa de 20 céntimos por litro de carburante para as e os profesionais do sector do transporte, da pesca e do agro e a gandaría.

O segundo, pola súa parte, inclúe as iniciativas relativas á vivenda que viña exixindo Sumar, así como un mecanismo de control para evitar "marxes empresariais inxustificadas" derivadas da actual guerra no Irán, o que se vixiará a través da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC). No caso da vivenda, prorrógase a conxelación do prezo dos alugueres, como sucederá co prezo máximo do butano e do propano.

"Situacións extraordinarias exixen respostas extraordinarias e é o que contén este plan integral de resposta á crise de Oriente Medio", destacou o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ante os medios de comunicación. Tamén advertiu de que a guerra no Irán está a provocar as primeiras réplicas dun terremoto económico de escala global e que xa está a repercutir nas familias.

O plan presentado polo Executivo estatal, que entrará en vigor este mesmo sábado tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), inclúe 80 medidas cun investimento de 5.000 millóns de euros e beneficiará, segundo Sánchez, até tres millóns de empresas e 20 millóns de familias.

Por outra parte, o paquete de medidas aprobado esta exta feira, que aínda requirirá o aval do Congreso —algo que se anticipa complexo—, tamén inclúe a prohibición ás empresas que reciban axudas públicas de despedir parte do seu persoal alegando o impacto económico desta crise.

"Ninguén sabe como vai evolucionar esta situación, esta crise. O conflito non sabemos se vai durar días ou vai durar meses ou anos. Pero os seus efectos poderían conterse ou transformarse nunha grave crise en función de cales son os seus efectos", sinalou, reiterando o seu "non á guerra". Tamén afirmou que a alta implantación de enerxías renovábeis no Estado permite chegar a esta situación "mellor preparados". "No que levamos de ano, o gas marcou o prezo da electricidade en só 15% do tempo", dixo.