O BNG impulsa unha moción para reformar a "inxusta" lei de financiamento local

Conseguiu o apoio unánime do Parlamento para instar á Xunta a que demande un novo modelo de financiamento ao Goberno central. Galiza sitúase á cola do Estado no reparto dos recursos destinados aos concellos. 

Jorquera


Unha reforma da lei de financiamento local que remate co “raquitismo” e “as grandes dificultades” que pasan moitos concellos galegos. O Grupo Parlamentar do BNG presentou unha proposición non de lei  para reformar a lei de financiamento, que contou co apoio unánime da cámara.

A moción insta á Xunta a que demande un novo modelo que proporcione máis recursos aos municipios do país. Galiza sitúase á cola do Estado no reparto dos recursos destinados aos concellos. Unha situación que, sumada á forte redución de ingresos por parte das administracións públicas durante a crise, provocou un fondo deterioro nas arcas municipais.

Os concellos galegos reciben na actualidade un 20% menos de recursos que a media do Estado.

“Galiza representa o 5,92% da poboación do Estado español e aproximadamente o  6,3% da poboación total das comunidades autónomas de réxime común,  mais recebe só un 5% da participación nos ingresos do Estado”, apunta o grupo nacionalista na proposición, presentada polas deputadas Tereixa Paz e Francisco Jorquera.

Os concellos galegos reciben na actualidade 212 euros por habitante, mentres que no conxunto do Estado a media é de 263 euros. O que supón un 20% menos de recursos.

Dispersión e o avellentamento nos criterios de reparto

A proposta inclúe dous criterios básicos para a reforma da lei. O BNG pide que se teñan en conta factores como a dispersión e o avellentamento da poboación para evitar o actual reparto “inxusto” de fondos. Nese sentido, pediu que se transfira á Xunta a competencia para realizar as asignacións para cada concello.

“É evidente que ter unha poboación envellecida redunda nun maior custo de determinados servizos. E que non custa o mesmo prestalos en áreas de forte concentración da poboación que nun territorio como Galiza que ten a metade dos núcleos de poboación que existen no Estado”, asegurou o portavoz nacionalista.

O BNG insistiu porén en que o modelo de financiamento debe apostar por unha plena autonomía e responsabilidade fiscal. “En tanto non se acade ese modelo, é necesario cando menos reformar o financiamento actual”, matizou Jorquera. 

Comentarios