Batería de propostas do nacionalismo galego no Congreso para pór couto aos desafiuzamentos

Protesta contra un desafiuzamento en Conxo
Da dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda á habilitación dun Fondo Económico para atender os casos máis urxentes, a deputada Olaia Fernández Davila presentou varias propostas na Cámara baixa para tentar dar solución á problemática dos desfiuzamentos

 

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha proposición non de lei no Congreso na que avoga pola reforma urxente da Lei Hipotecaria e a creación un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos para procurar solucións ao grave problema dos desafiuzamentos.

A deputada do BNG aporta unha serie de medidas  que abranguen desde a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda; estabelecer un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire a vivenda habitual ou negocios; contemplar moratorias para deixar o pago das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando haxa circunstancias económicas adversas; estabelecer a posibilidade de poder convertir a hipoteca nun aluguer; estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións ou modificar o réxime de tasación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acreedor, actualmente no 60% do valor de tasación.

A estas, engade outra achega de carácter social: habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos, evitar o desamparo das persoas e as familias que están en situacións económicas estremas.

Davila alerta da existencia de casos verdadeiramente dramáticos, con familias e persoas que pagaron unha porcentaxe moi alta da hipoteca pero aínda así son desahuciadas”. Davila alude aos dados: os desfiuzamentos de familias aumentaron un 15% entre xaneiro e xuño, a xustiza autorizou 37.092 inmóbeis e se iniciaron 48.213 procesos de execución. Desde o ano 2007, houbo 395.000 desfiuzamentos.