En mans de empresas foráneas

As autoestradas non son galegas

AP9
A Audiencia de Madrid desestimou na segunda feira, 13 de xaneiro, un recurso de Globalvía contra Sacyr pola venda da súa participación en Itínere, que dá a Corsair e a APG o control da xestora das autoestradas galegas, na súa maioría en mans de empresas foráneas.

Apráctica totalidade das estradas de pago na Galiza están en mans de empresas estranxeiras, fundamentalmente de grandes fondos de investimento. A día de hoxe xestionan practicamente 90% dos quilómetros de autoestradas e autovías en sombra, isto é, aquelas pagadas ás concesionarias a cargo das partidas dos orzamentos da Xunta da Galiza ou do Goberno do Estado. Mentres as compañías de capital foráneo controlan máis de 433,7 quilómetros, que a súa vez son os máis rendíbeis, as sociedades de maioría galega, principalmente construtoras, só dispoñen de 63,43 quilómetros.

As autoestradas de titularidade estatal son propiedade de Itínere, Autoestradas da Galiza e Autoestrada Central Galega (Acega). Así, entre estas, atopamos a AP9, cuxas obras comezaron na década dos setenta, percorre a fachada atlántica do país entre Ferrol e a fronteira portuguesa, suma 178 quilómetros e aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado. A AG-55 é unha estrada duns 35 quilómetros, rematada nos seus tramos de pago na década dos noventa, cunhas peaxes que aumentaron nos últimos 20 anos en máis de 80 % e que une a vila de Carballo e a cidade da Coruña.

Outro tanto acontece coa AG57 e a AP-53. A primeira, tamén coñecida como a autoestrada do Val Miñor, conta con 22 quilómetros, discorre entre a autovía urbana de Vigo e a estrada de Vigo-A Guarda, a súa concesión remata en 2045 e declara uns beneficios para 2017 de máis de cinco millóns de euros. A segunda, a AP-53, ou autoestrada central da Galiza, percorre 56 quilómetros entre a saída do Portádego da AP-9 en Santiago de Compostela e a localidade de Dozón, na comarca do Deza, e concentra no tramo de Silleda a Lalín as peaxes máis caras de todas as autoestradas do Estado.

Itínere, o dono da AP-9

Itínere é o titular de 100% da concesión da AP-9, controla a través de Autoestradas da Galiza a totalidade do capital da AG-55 e da AG-57 e dispón de 18,4% das participacións da sociedade xestora da AP-53. Fundada en 1996 como división de xestión de infraestruturas do grupo español Sacyr, en 2009, coincidindo cos problemas de liquidez da súa matriz é vendido ao fondo estadounidense Citi Infrastruture Partners, filial do Citigroup, a maior empresa norteamericana de servizos financeiros con sede en Nova York. Actualmente a compañía atópase envolta nunha loita entre os seus principais accionistas, o grupo Globalvía, o fondo APG e Corsair.

 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.