A ausencia de internet no rural deixa dobremente illadas as gandeiras galegas

Moitas labregas e gandeiras carecen da conexión a internet que lle exixen as administracións para poder realizar trámites ordinarios.
Explotación gandeira galega (SLG).
photo_camera Explotación gandeira galega (SLG)

A semana pasada, a compañía de telecomunicacións Eurona informaba de que as conexións a internet por satélite se multiplicaron por dous durante a crise do coronavirus na Galiza. É a resposta desesperada de moitas familias á falta de infraestruturas no rural galego, unha solución moito máis cara que a convencional ─as ofertas rondan os 50 euros por 30 megas de velocidade─, pero necesaria en moitos dos casos. 

A realidade é que boa parte do rural galego vive dobremente illado nas súas casas. Por un lado está a ausencia de cobertura de banda larga, que imposibilita que moitas labregas e gandeiras poidan facer as súas xestións desde o fogar, á que se suma agora a imposibilidade de saír para realizar eses procedementos desde outro espazo ou encargarllos a unha xestoría.

Segundo os datos do Observatorio da Sociedade da Información da Galiza (Osimga), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega), 76% dos fogares situados en concellos de menos de 10.000 habitantes contaban con conexión a internet. O problema é que aínda queda territorio por cubrir para rematar cunha fenda dixital que se agudiza a medida que as administracións comezan a exixir realizar todas as xestións vía web.

Pese a que esas medidas xa están instauradas, o Goberno de Núñez Feixoo aínda está a traballar na execución do Plan de Banda Larga 2020, que coa axuda de Telefónica, á que pagou 14,2 millóns de euros, pretende levar fibra óptica a núcleos de menos de 300 habitantes nos que as operadoras non querían entrar por falla de rendibilidade. Ese perfil de núcleos de poboación é onde desenvolven a súa actividade moitas labregas e gandeiras galegas.

Os problemas de conexión afectan enormemente á súa vida diaria. Onte mesmo, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, recoñecía a Nós Diario que perdera a conexión cinco veces nunha videoconferencia que mantivo coa Consellaría de Medio Rural ese mesmo día. "É parte da odisea das que non temos unha conexión de internet axeitada", lamenta.

"As sociedades fiscalmente xa non podemos facer nada en papel. Traballamos moito con prazos, por exemplo nas altas dos animais, e se non os cumprimos, expoñémonos a sancións", explica Vilalba, quen critica que á Administración "lle dea igual que non teñamos os medios, non xa de equipos, senón de conexión".

"Tres de cada dez gandeiras carecen deses medios", tal e como lles recoñeceu a Delegación do Goberno español hai uns meses. Son xente que "perde autonomía" porque non poden realizar elas mesmas trámites como a solicitude das axudas da PAC (Política Agraria Común) ou dos danos polo xabarín, entre moitas outras. Ademais, critica que non haxa un portal único para non ter que tratar "con até dez organismos diferentes (Catastro, Augas de Galiza, Medio Rural, Seguridade Social,...)".

A alternativa que lles queda é acudir a unha oficina técnica, cooperativa ou a un sindicato para que llas fagan, "pero iso ten un custo de xestión e de desprazamento, e o transporte non sempre axuda", apunta. De aí que a chegada de internet ao rural sexa máis necesaria se cabe que aos núcleos urbanos.

Comentarios