Aumentan a nove os casos de peste porcina en xabaris xa confirmados en Catalunya
O Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid) confirmou o positivo do virus de peste porcina noutros sete xabarís achados mortos en Cerdanyola do Vallès, perto de Barcelona, en Catalunya, que se suman aos dous primeiros da pasada semana tamén en Cerdanyola.
Con estes novos casos confírmase a presenza da enfermidade nun total de nove animais salvaxes, todos na mesma zona, e cuxos positivos se notificaron á Comisión Europea e á Organización Mundial da Sanidade Animal (OMSA), segundo informa o Ministerio de Agricultura esta terza feira nun comunicado.
Os servizos veterinarios oficiais de Catalunya, en colaboración co Ministerio, delimitaron unha zona de control e vixilancia nun radio de 20 quilómetros ao redor dos casos detectados, onde se prohibiu cazar para evitar o desprazamento dos xabarís e que o virus poida expandirse.
Tamén se reforzaron actuacións de procura e trampeo, con persoal especificamente formado e coñecedor da zona, para reducir a poboación de xabarís silvestres. Os servizos veterinarios oficiais e Agents Rurals, coa colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME), Mossos d'Esquadra, Guardia Civil e Policía Local vixían o acceso de persoal non autorizado á zona infectada, que inclúe o Parc de Collserola.
En total mobilizáronse 120 membros de Agents Rurals canda 26 equipos de traballo para buscar novos cadáveres e instalar trampas, así como 117 efectivos da UME equipados con estacións de descontaminación, equipos de xestión de capturas en condicións de bioseguridade para o seu traslado a laboratorios e centros de incineración, así como drons para zonas amplas e detección nocturna con infravermellos.
Non hai casos en granxas
Desde o Ministerio aseguran que tras visitarse as explotacións de gando porcino localizadas na área de 20 quilómetros ao redor da zona infectada, as mostras que se realizaron resultaron negativas. Con todo, afirman que se mantén un "alto nivel de alerta" con reforzo de vixilancia pasiva e bioseguridade, tanto en Catalunya como no resto de comunidades autónomas.
Non afecta as persoas
Ademais, a pedimento do Ministerio, esta terza feira incorporouse o Equipo Veterinario de Emerxencias da Comisión Europea, formado por expertos epidemiólogos para avaliar sobre o terreo as medidas despregadas e emitir recomendacións para reforzar as actuacións que permitan lograr o control da enfermidade canto antes. Desde o Ministerio, lembran que a peste porcina é unha enfermidade que non afecta as persoas, nin por contacto cos animais nin por inxestión de produtos derivados deles.