10 chaves para comprender o alcance da febre porcina
A peste porcina (PPA) volve situarse no centro da preocupación sanitaria europea tras novos casos detectados en xabarís no Parque Natural de Collserola, en Catalunya. Por sorte, a enfermidade aínda non entrou nas granxas mais a súa enorme capacidade de propagación e a ausencia de vacina fan desta enfermidade un risco maior para o sector produtor. Estas son dez chaves para entender o que está en xogo.
- Que é a peste porcina (PPA)
- Noutras palabras: é un virus diferente á peste porcina clásica
- Non representa un risco para a saúde humana
- Vías de transmisión múltiples
- Facilidade para expandirse a gando e fauna salvaxe
- Impacto devastador sobre granxas e zonas rurais
- Consecuencias sobre o sector porcino industrial e o mercado de carne
- Resistencia ambiental do virus
- Non hai vacina eficaz nin cura definitiva
- A crise actual no Estado español e a alerta por posíbeis novos brotes
1. Que é a peste porcina (PPA)
A PPA é unha enfermidade vírica hemorráxica, grave e altamente contaxiosa que afecta exclusivamente os súidos —porcos domésticos e xabarís— e que, en moitos casos, causa unha mortalidade próxima ao 100 %.
Nas súas formas máis virulentas, a PPA causa febre alta, perda de fame e hemorraxias na pel e nos órganos internos, un cadro clínico que pode causar a morte do animal entre dous días e dez despois da infección.
2. Noutras palabras: é un virus diferente á peste porcina clásica
A PPA é causada por un virus distinto ao da antiga peste porcina clásica. Trátase dun virus da familia Asfarviridae, non relacionado co virus da peste clásica, pero máis complexo e resistente, o que dificulta o control.
3. Non representa un risco para a saúde humana
Aínda que é mortal para os porcos, a PPA non infecta persoas, nin por contacto nin por consumo de carne porcina.
4. Vías de transmisión múltiples
O virus pode propagarse por contacto directo entre animais, a través de fluídos (sangue, saliva, excrecións), por ósos ou carne contaminada, tamén por picaduras de piollos ou carrachas transmisoras, e por obxectos ou utensilios que entren en contacto co gando, por exemplo durante o seu transporte.
5. Facilidade para expandirse a gando e fauna salvaxe
A enfermidade afecta tanto porcos domésticos como xabarís, o que fai que a fauna salvaxe —unha fonte difícil de controlar— poida actuar como reservorio e contribuír a diseminar os focos e reintroducir o virus nas granxas.
6. Impacto devastador sobre granxas e zonas rurais
Un brote de PPA nunha explotación obriga a sacrificar todo o gando, o que supón perdas económicas graves para gandeiros e posíbeis colapsos na cadea produtiva.
7. Consecuencias sobre o sector porcino industrial e o mercado de carne
A reaparición da PPA pode xerar restricións á circulación de animais e produtos cárnicos, cortes nas exportacións e subas de prezos, afectando a economía do sector e ao acceso da poboación a produtos básicos.
No radio da zona vixiada —que afecta as comarcas de Alt Penedès, Anoia, Bages, Baix Llobregat, Barcelonès, Maresme, Vallès Occidental e Vallès Oriental— hai 39 explotacións que terán que quedar confinadas, como mínimo, durante 12 meses. Estas granxas non poderán mover animais e quedarán sometidas a controis estritos, con mostraxes periódicas para garantir que non exista ningún indicio de extensión da enfermidade.
8. Resistencia ambiental do virus
O virus non se elimina facilmente: pode sobrevivir en carne ou produtos contaminados, en materiais, instalacións ou equipos, o que obriga a manter altos estándares de bioseguridade nas granxas e controles estritos priorizados.
9. Non hai vacina eficaz nin cura definitiva
Até o momento, non existe unha vacina fiábel e segura que permita inmunizar os animais de forma masiva, polo que a prevención e a contención seguen sendo a mellor ferramenta para evitar novos focos.
Así, restrinxiuse o acceso ao parque natural e activáronse medidas sanitarias e de control, estabelecendo unha zona infectada —nun radio de 0 a 6 km do foco— e unha zona de vixilancia —nun radio de 6 a 20 km do foco—.
Na zona infectada —que abrangue os municipios de abadell, Sant Quirze del Vallés, Polinyà, Santa Perpetua de Mogoda, Montcada i Reixac, Ripollet, Barberá del Vallés, Bahía del Vallés, Cerdanyola del Vallés, Sant Cugat del Vallès, Terrassa e Rubí— prohíbese o acceso ao medio natural, prohíbese calquera actividade, incluídas as de ocio, suspéndese calquera actividade de caza e traballos forestais e instaláronse barreiras físicas e químicas, ademais de trampas para o control dos xabarís.
10. A crise actual no Estado español e a alerta por posíbeis novos brotes
A recente detección de focos en fauna salvaxe —por exemplo xabarís— en Catalunya pon en alarma de novo a cadea porcina a nivel europeo. A reactivación da PPA tras décadas sen casos no Estado español expón como urxente estabelecer protocolos sanitarios, vixilancia intensiva e control da fauna salvaxe.