A Asociación Galega de Viticultura cualifica de "curtopracistas" as medidas da Xunta na Ribeira Sacra e denuncia a súa "pasividade"

A AGV solicitou a través dun comunicado a convocatoria dunha 'Mesa do Viño', "un espazo de diálogo e planificación no que todo o sector poida achegar propostas e traballar conxuntamente en medidas eficaces e duradeiras".
Vendimia na Ribeira Sacra. (Foto Carlos Crespo / Europa Press)
Vendimia na Ribeira Sacra. (Foto Carlos Crespo / Europa Press)

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) instou esta segunda feira a Xunta da Galiza a "deixar de aplicar medidas curtapracistas" na Ribeira Sacra e denunciou que a "falta de planificación e a pasividade" da Consellaría do Medio Rural "agravaron unha situación que xa era preocupante".

"A AGV leva advertindo desde a pandemia de que o consumo de viños tintos estaba a caer e de que moitas adegas da Ribeira Sacra acumulaban excedentes. A Xunta non reaccionou a tempo e, só cando a situación se volveu insostíbel e varias adegas anunciaron que non recollerían uva, a Consellaría optou pola vía de urxencia", sinalou a asociación.

Neste sentido, denunciou que se investiron máis de 400.000 euros en "medidas estériles que non solucionaron nada" e, por iso, insistiu en que a Ribeira Sacra "non necesita parches, necesita unha estratexia a longo prazo".

Neste sentido, a AGV solicitou a través dun comunicado a convocatoria dunha 'Mesa do Viño', "un espazo de diálogo e planificación no que todo o sector poida achegar propostas e traballar conxuntamente en medidas eficaces e duradeiras".

Así mesmo, cualificou de "imprescindíbel" contar cunha "estratexia seria" de comercialización, unha campaña de promoción interna dos viños tintos galegos "que permita dinamizar o consumo e aliviar a presión das adegas".

E, en paralelo, subliñou a necesidade de dotarse cunha promoción exterior dos viños galegos, "abrindo novos mercados internacionais e reducindo a dependencia do estadounidense, que demostrou ser inestábel e insuficiente".

"Fronte á improvisación institucional, a AGV propón actuacións claras e realistas. Defendemos a necesidade de estabelecer contratos homologados con prezo garantido que dean seguridade e estabilidade a quen produce tanto na Ribeira Sacra como no conxunto do país", esgrimiu.

Con todo, a asociación exixiu tamén á fixación de prezos por encima dos custos de produción, así como un estudo actualizado dos custos de produción da uva e que se modifique a Lei da Cadea Alimentaria.

Comentarios