As axudas ao paro da frota galega en Mauritania exclúen o 90% dos mariñeiros

Concentración en Marin en apoio á flota
O ISM comunica que tan só 22 traballadores en toda Galiza (dos case 200 afectados) ían percibir as axudas acordadas polo cesamento da actividade no caladoiro norteafricano

 

O pasado 31 de xullo os 24 barcos conxeladores arrastreiros que faenaban en augas mauritanas -20 deles galegos, con tripulacións maioritariamente do Morrazo e Vigo- tiveron que abandonar o caladoiro do país magrebí despois de que rematase o anterior acordo entre a Unión Europea e Mauritania. Bruxelas asinou no verán un protocolo de acordo pesqueiro con Mauritania polo que destina uns 67 millóns de euros a este país como contraprestación a cambio de poder pescar nos caladoiros deste país. Un protocolo que supuxo a expulsión dos 24 buques cefalopodeiros galegos que faenaban nesas augas e condenar ao paro a ducias de mariñeiros galegos, sobre todo da comarca do Morrazo, unha zona moi dependente da pesca.

O Instituto Social da Mariña vén de confirmar que os mariñeiros non ían percibir as axudas acordadas –por cuxo recoñecemento tiveron que pelexar- xa que non “dera tempo” de tramitar todas as solicitudes e tan só 22, dun total de 200, persoas se poderán beneficiar desta medida.

Nos últimos anos, a frota galega que faenaba en augas saharianas foise reducindo até a situación actual, pasando de 250 barcos aos 24 que quedaban a 31 de xullo. Tal e como lembrou o responsábel da CIG, Xabier Aboi, a nosa pesca foi a que perdeu máis peso desde a entrada na Unión Europea no ano 1986, “porque nunca foi defendida politicamente en beneficio doutros intereses económicos”.