sábado 29/01/22

Alu Ibérica: o borrador de estatuto non salvagardaría os empregos

As plantas de Alu Ibérica na Coruña e en Avilés advertiron de que o custo eléctrico que resulta do borrador de Estatuto de Electrointensivas presentado polo Goberno español "faría imposíbel" que poida producir aluminio primario e pon en risco máis de 320 empregadas e empregados.
Alcoa en San Cibrao  [Imaxe: Cedida]
Alcoa en San Cibrao [Imaxe: Cedida]

Alu Ibérica cre que o borrador do Estatuto de Electrointensivas é prexudicial para a industria. Estiman que a proposta de Estatuto sitúa o prezo eléctrico entre 45 e 49 euros por megavatio hora (MWh), "mantendo un alto diferencial" co que pagan os competidores alemáns, que producen aluminio primario a 32 euros por Mwh. Consideran nun comunicado que a produción de aluminio primario necesita un prezo estábel por debaixo de 35 euros por MWh, nivel que permitiría reiniciar en nove meses a produción de aluminio primario nas plantas da Coruña e Avilés e salvar os empregos. 

Prezos eléctricos estábeis

O grupo sinala que, tal e como se comprometeu, está preparado á espera de poder reiniciar, en nove meses, as liñas de produción de aluminio primario -paradas hai un ano por Alcoa- nas plantas da Coruña e Avilés, mais cren que sería necesario "que se cumpra a condición previa de contar con prezos eléctricos estábeis, predicíbeis e competitivos, caso contrario non sería viábel reiniciar a fabricación". Desta maneira, o grupo, que aprobou un plan de investimento por valor de 20 millóns de euros para a implementación de tecnoloxías de aforro de enerxía e CO2 e melloras nos dous centros industriais, advirte de que o actual borrador de Estatuto non garante un prezo eléctrico que lle permita producir aluminio primario, polo que "non abondaría para salvagardar os empregos das traballadoras e traballadores de series de electrólise en ambas plantas" (168 empregos na Coruña e 155 en Avilés). 

O grupo subliña que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, durante a fase final do proceso de adquisición das plantas na Coruña e Avilés, en xuño do ano pasado, confirmara as súas expectativas de que coa nova regulación de custes de enerxía destinada ás industrias electrointensivas se reducirían entre 12 e 15 euros por MWh os custos eléctricos existentes naquel momento, que eran aproximadamente duns 50 euros por MWh, "un argumento importante para as partes interesadas no momento de acordar a transacción".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Alu Ibérica: o borrador de estatuto non salvagardaría os empregos
comentarios