Alcoa prevé perdas de 80 millóns na factoría de San Cibrao

O persoal advirte que se necesitan medidas "xa" e esixen ao Goberno "cumprir coa súa palabra".

Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)

O presidente de Alcoa no Estado español, Álvaro Dorado, trasladou esta segunda feira aos traballadores e traballadoras de San Cibrao que prevé perdas para este ano de "máis de 80 millóns" - entre as dúas plantas de aluminio e de alúmina - ante o prezo existente da enerxía.

Diso informou, en declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, quen avisou de que se necesitan "medidas xa".

Por iso, apremou o Goberno central a que aprobe esta terza feira na súa primeira reunión do Consello de Ministros o estatuto para empresas electrointensivas.

"Eu espero que mañá se aprobe, outra cousa é o que faga o Goberno, pero xa non hai Goberno en funcións e ten que cumprir coa súa palabra", deixou claro Zan en relación coa promesa para activar as medidas recollidas no estatuto unha vez estivese o executivo conformado.

Sobre o encontro con Dorado, Alcoa informou aos traballadores e traballadoras de que "están a estudar" medidas a seguir após o resultado "bastante malo" da poxa. "Pero aínda non teñen ningunha decisión tomada", explica Zan sobre o futuro da fábrica.

Alcoa indicou que existe "bastante fluidez" nas conversas co Goberno, pero a compañía chama a esperar "a ver que sae" da reunión co Goberno da mesa de seguimento de Alcoa.

Comentarios