Alcoa avanza un principio de acordo coa enerxética Ignis para continuar coas súas operacións en San Cibrao
Alcoa e a compañía enerxética Ignis anunciaron esta cuarta feira que están a avanzar cara á firma dun acordo de cooperación estratéxica que apoie a continuidade das operacións da metalúrxica en San Cibrao, Cervo (A Mariña).
Co acordo proposto, Alcoa achegaría 75 millóns de euros e Ignis faría un investimento inicial de 25 millóns para financiar as operacións, segundo informou a multinacional nun comunicado. Desta maneira, Alcoa continuaría xestionando a operación en San Cibrao, e Ignis tería unha participación do 25 por cento.
De forma adicional, Alcoa financiaría até 100 millóns de euros segundo as necesidades das operacións previstas pola compañía, "cunha posición prioritaria nos futuros beneficios". "Se se require financiamento adicional, ambos dous os socios deben acordalo e será cuberto nun 75% por Alcoa e un 25% por Ignis", detalla o comunicado.
Colaboracións e condicións necesarias
O acordo proposto está condicionado á cooperación do Goberno do Estado, a Xunta da Galiza, e os empregados e Comité de Empresa de San Cibrao á hora de lograr acordos nunha serie de aspectos entre os que se inclúen "un apoio substancialmente maior nas compensacións por custos de emisións indirectas de CO2" e "axilizar a tramitación e concesión definitiva dos permisos para o desenvolvemento e construción de proxectos de xeración de enerxía eólica, especialmente os vinculados a San Cibrao".
Ademais, o pacto inclúe a "aprobación do proxecto do depósito de barro vermello" e a "flexibilidade dentro do actual Acordo de Viabilidade, incluído o acceso ao depósito de garantía para necesidades de caixa das operacións e o aprazamento ou substitución de compromisos de capital en proxectos de investimento".
Compradores potenciais
Segundo explicou a multinacional metalúrxica, Alcoa operou San Cibrao durante varios anos "nun contexto economicamente difícil, especialmente debido ao alto custo da enerxía". Este mesmo ano iniciou un proceso de venda ao mesmo tempo que traballaba "para identificar solucións para a viabilidade a longo prazo das operacións".
"A pesar de consultar con 60 potenciais compradores, non houbo ningunha oferta viábel polo 100% das operacións de San Cibrao", indicou. Neste sentido, Alcoa detallou que a asociación con Ignis xurdiu como unha alternativa para San Cibrao na que Alcoa "pode aproveitar a súa experiencia na xestión de operacións con aluminio a nivel global e combinala co robusto coñecemento dos mercados da enerxía de Ignis" para crear valor a través do acceso ao mercado e os seus servizos de xestión de enerxía.
"Ao asociarnos con Ignis aproveitaremos a nosa experiencia e coñecemento e, xunto coa cooperación necesaria de todos os actores, melloraremos a perspectiva a longo prazo para San Cibrao", asegurou o presidente e CEO de Alcoa, Willíam F. Oplinger.
Pola súa parte, o CEO de Ignis, Antonio Sieira, sinalou que están encantados de traballar con Alcoa e de avanzar nesta asociación estratéxica. "Este acordo permitiría unha solución viábel para a planta de San Cibrao e os seus traballadores", argumentou.
A partir de agora, Alcoa e Ignis "centraranse en avanzar a asociación para apoiar o futuro das operacións de San Cibrao", concluíron.