Airbnb recorrerá a multa de 64 millóns de euros do Ministerio por anunciar 65.122 aloxamentos sen licenza

Consumo identificou "prácticas comerciais desleais" no seu día ao publicar anuncios que foron retirados da súa plataforma en xullo de 2025.
Exterior dun piso turístico. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Exterior dun piso turístico. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Airbnb anunciou esta segunda feira que presentará un recurso de reposición ante a multa de 64 millóns de euros que o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 lle impuxo en decembro de 2025 por infraccións na publicación de anuncios turísticos. A resolución chegou cando o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) denegou a solicitude de medidas cautelares que realizou a compañía para paralizar a sanción.

Nun comunicado, a plataforma 'en liña' considera que esta multa é "contraria ao marco legal español e europeo", sinalando que a decisión xudicial é "puramente procedemental" e non entra sobre o fondo do caso, que "segue o seu curso".

Ademais, a multinacional entende que cumpriu "en todo momento" coa normativa aplicable no Estado, ao mesmo tempo que defendeu que, desde a entrada en vigor da nova normativa sobre os alugueres de curta duración, colaborou coas autoridades competentes. 

Aloxamentos sen licenza

En concreto, Consumo identificou "prácticas comerciais desleais" ao publicar anuncios de aloxamentos sen licenza, nun total de 65.122, que foron retirados da súa plataforma en xullo de 2025.

Tamén advertiu que Airbnb estaba a publicar anuncios que indicaban un número de licenza ou rexistro que non se correspondía coa numeración utilizada polos rexistros, ou que difundía anuncios sen información veraz sobre a natureza xurídica dos anfitrións, incorrendo así nunha práctica de publicidade enganosa. Precisamente, o ministro de Consumo, Pablo Bustinduy, reaccionou á decisión do tribunal destacando que "ningunha empresa está por encima da lei".

Comentarios