Miguel A. Iglesias, patrón maior de Rianxo:"Agora os intermediarios aprovéitanse do mar"

O sector do mar está a vivir unha grave situación como consecuencia da pandemia da COVID-19. Os Grupos de Acción Costeira (GALP) apelan ao consumo cidadán para virar a caída de vendas polo feche da hostalaría. Conversamos co patrón maior da Confraría de Rianxo.
miguel angel iglesias patron rianxo imaxe de Canal Rias Baixas
photo_camera Miguel A.Iglesias

A facturación da confraría de Rianxo foi moi importante en 2019. Que acontecerá este 2020? Vai ser un desastre. Nunca miramos o que é a facturación da confraría. É importante mais para nós o relevante é o que gaña o mariñeiro, que será o que gañe a confraría. A nosa idea é que vaia o máximo posíbel ao mar e leve o máximo de cartos. Son microempresas que teñen que comer todos os días. 

Como está agora con esta situación de pandemia e confinamento?

Eu persoalmente desde que se decretou o estado de alarma xa quedei na casa, moi preocupado. Sei como é a xente de Rianxo e vívese moi ao día. Estar un mes na casa pódese aguantar mais chegamos moi ao límite. E non é que non queiramos traballar. Buscamos solucións e non as hai. Non hai mercado para o noso produto. É o problema máis grande que temos agora.

As saídas paralizaronse por completo polo sinxelo motivo de que non hai compradores. A última semana que fomos traballar, do 14 a 18 de marzo, a maioría dos que viñeron  querían os prezos  moi baixos e a nós non nos era rendíbel ir ao mar. Outros dixeron que paraban por non poder darlle saída.

A día de hoxe din que hai algo de mercado e comezaremos para a última semana de abril, mais sabendo que será moi limitado. Non vai soportar o peso de traballar todo o mundo á vez. Teremos que facer quendas e non sei até que punto é rendíbel este sistema para que unha casa teña un salario mínimo para sobrevivir. É unha situación inédita.

Un mes sen ingresos?

Si. Sei de xente que tivo que pedir préstamos para este mes. A situación é moi grave. Por moito que queiramos facer, dependemos dun mercado e non está nas nosas mans ir traballar ou non. Non vale de nada ir ao mar para logo non ter quen compre.

Noutros sectores aprobáronse medidas. E no seu? 

Ninguén mira por nós. Estamos tirados. Sabemos que desde a Consellaría do Mar mandaron escritos a Madrid para que fagan o cese de actividade e nada máis. En Asturies hai un feche decretado. Deberiamos ter un pouco máis de presenza polo peso que ten o noso sector a nivel estatal. Penso que quen ten que falar con Madrid non somos nós, é a Xunta da Galiza. Non pode ser que esteamos nós como patróns das confrarías "criticando" o Goberno español para que nos dea axudas. A nós non nos farían caso, á Xunta si. Estamos nunha situación na que nin a Xunta fai esa forza nin o Goberno español mira por nós. Mírase máis polas pesquerías industriais que pola pesca artesanal cando debería ser ao revés. 

A caída de prezos non se nota no punto de venda final. Aprovéitanse os intermediarios?

Agora os intermediarios estanse aproveitando do noso sector. Teríamos que tomar cartas no asunto nós tamén e comezar a petar en riba da mesa. Vexo que en Euskal Herria o sector ten un peso importante cando son menos barcos que nós. Se nos xuntásemos, teriamos ese peso e non nos tomarían o pelo. Non é normal que a pescada en Ribeira teñan que regalala e no supermercado estea ao mesmo prezo que hai dous meses. Prefiro un prezo estábel todo o ano coa condición de que a min me collan a ese prezo mais contando con que ás persoas que o consuman tamén teñan un prezo accesíbel. É unha cadea interesante para todas partes. O que acontece é que (os intermediarios) aproveitan esta situación.

Comentarios