O aforro galego drenado en 2025 pola banca supera os 34.980 millóns
As entidades de crédito con presenza na Galiza expatriaron 34.986 millóns de euros no primeiro trimestre de 2025. Segundo as cifras achegadas onte polo Boletín Estatístico do Banco de España, a succión do aforro galego situouse en máximos históricos a 31 de marzo, rematando coa contía máis elevada de toda a serie rexistrada polas estatísticas do regulador bancario estatal. A este respecto, os últimos números coñecidos confirman unha aceleración do proceso de drenaxe do aforro galego en 2025 a un ritmo até agora inédito.
O aforro expatriado polo conglomerado bancario é resultado da diferenza entre os depósitos obtidos na Galiza -os aforros de cada galego e galega depositados nos bancos- e os créditos outorgados por eses mesmos bancos fóra da Galiza, evitando así que o aforro depositado no país redunde en investimentos no territorio galego. Neste sentido, non é un fenómeno novo na economía galega, pois representa un síntoma definitorio da dependencia do país, tal é como levan analizando ducias de economistas galegos desde finais do século XIX.
O colaborador de Nós Diario e profesor da área de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, Adrián Dios, sinala en declaracións a este medio que "estamos diante dunha fuga masiva de investimentos a outros territorios, o que resta capacidade de fomentar a economía produtiva na Galiza". Neste sentido, explica que "a fuga de depósitos resta capacidade de investimento na economía galega, o que xera unha diminución de crecemento a longo prazo e favorece outros territorios que se benefician do aforro galego".
"A drenaxe do aforro é letal para calquera economía porque deixa sen financiamento novos proxectos empresariais a pór en marcha e limita as capacidades de financiamento das empresas con actividade", explica Dios, quen destaca que "ao carecer de instrumentos financeiros apegados e asentados nos territorios, estes instrumentos financeiros acometen os investimentos naquelas áreas onde son máis produtivos e xeran máis beneficios sen atender a outros criterios".
Equivalencias
A cantidade do aforro drenado polos operadores financeiros é relevante atendendo ás magnitudes nas que se move a economía galega. A contía expatriada entre xaneiro e marzo deste ano supera en 21.032 millóns de euros o orzamento galego de 2025 e en 29.552 millóns de euros os fondos dedicados nas actuais contas públicas ao financiamento do sistema sanitario. Ao tempo, a parte do aforro expatriado equivale a 43,8% do total do produto interior bruto (PIB) galego do ano 2024, situado provisionalmente en 79.715 millóns de euros.
O aforro succionado polo complexo bancario no primeiro trimestre deste ano é superior en 2.158 millóns de euros ao diñeiro expatriado polo sistema financeiro no mesmo período de 2024. Nesa anualidade, o aforro galego entre xaneiro e marzo ficou en 80.011 millóns e o crédito alcanzou 47.183 millóns. Así, as entidades bancarias con actividade na Galiza drenaron nese período 32.828 millóns de euros cara a outros territorios do Estado español e do resto do mundo. A este respecto, Madrid voltou a ser, máis unha vez, o primeiro territorio beneficiado da fuga de capitais galegos.
O proceso de expatriación do aforro acelerouse na Galiza após o proceso de desaparición das caixas galegas e a compra da entidade resultante da fusión en 2013 polo grupo venezolano Banesco, propietario de Abanca. A este respecto, o aforro drenado ficou en 2015 en 14.969 millóns, alcanzando en 2020 os 27.438 millóns de euros e sumando no primeiro trimestre desta anualidade 34.986 millóns. Neste sentido, o aforro succionado anualmente incrementouse na última década en 133,6%, recibindo de media Madrid nese período ao redor de 60% dos depósitos drenados da Galiza.
Dios destaca que "o proceso de expatriación do aforro galego tense agravado desde a venda das caixas galegas ao grupo venezolano Banesco". Nesta liña, desvela que "o descenso do peso do crédito sobre os depósitos na Galiza responde a que o sector bancario ten raíces e funciona en base á cuestión territorial e desde que Abanca se fixo co sistema financeiro galego mudaron os criterios de investimento porque as prioridades do grupo pasaron a ser outras". Neste punto, considera que "para reverter esta situación é necesario dotarse dun sistema de banca pública asentada territorialmente".
O papel de Abanca é chave por tratarse da primeira entidade de crédito da Galiza. Segundo os datos do Banco de España, a finais de 2024 contaba cuns activos financeiros de 97.000 millóns de euros, unha cota de mercado bancario galego de 41,2% e 435 sucursais, que representan 42,5% do total das abertas no país. A continuación sitúase o Banco Santander, que ampliou notabelmente a súa presenza no país tras facerse en 2017 co Popular, que en 2012 adquirira o Banco Pastor, cunha cota de mercado de perto de 29% e 14,9% das sucursais. A certa distancia aparece Caixabank, seguida, por esta orde, de BBVA e de Sabadell.
Os datos do Banco de España indican que os depósitos custodiados polos operadores financeiros con presenza no país alcanzaron ao remate de marzo deste ano a cantidade de 83.571 millóns, dos cales 78.791 corresponden con aforros de persoas físicas e xurídicas e 4.780 con diñeiro das diferentes administracións custodiado polas entidades de crédito. Os depósitos galegos representaron 5% do total estatal, unha contía de gran relevancia e que dá conta da capacidade para xerar aforro da economía galega.
As entidades financeiras achegaron na Galiza no primeiro trimestre de 2025 crédito por unha contía de 48.585 millóns de euros. Neste caso, 41.346 millóns foron fornecidos a persoas físicas e xurídicas e 7.239 millóns a diferentes administracións, representando no seu conxunto 4% do total estatal. Nesta dirección, o comportamento do crédito gardou certas analoxías coa operativa da última década, ficando moi lonxe dos niveis dos primeiros anos do século, cando superou os 50.000 millóns.
Madrid gaña coa fuga de depósitos
Un dos economistas que ten estudado nos últimos anos a expatriación do aforro, o presidente da Comisión de Economía do Parlamento da Galiza na V Lexislatura (1997-2001), Xosé Díaz, explica que a lóxica dos créditos e dos depósitos "vén presentarnos a situación histórica que á Galiza se lle fixo xogar, drenándolle parte do seu capital, dos seus aforros, para financiar o sector empresarial e, en xeral, o desenvolvemento e o benestar do resto do Estado, nomeadamente Madrid, sede da maioría do sector financeiro operante na Galiza". Madrid é a principal beneficiada da succión do aforro galego. A capital do Estado concentra 29,7% da totalidade do diñeiro prestado pola banca, malia representar 14% da poboación e 26,9% dos aforros. Esta é outra derivada do denominado “efecto sede”, que favorece a Madrid polo seu papel institucional.
