Os aeroportos galegos fecharon 2023 con 5,91 millóns de pasaxeiras, un 13% máis que antes de pandemia

A terminal de Santiago-Rosalía de Castro creceu o pasado ano até os 3,5 millóns de pasaxeiros

Unha moza agarda no aeroporto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Unha moza agarda no aeroporto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

Os tres aeroportos galegos fecharon o ano pasado con 5,91 millóns de pasaxeiros, o que supón un incremento do 13% con respecto ao 2019, ano previo á pandemia da Covid-19.

Así o indicou o director xeral de Aviación Civil, David Benito, que participou esta segunda feira na reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria da Galiza que, baixo a súa Presidencia, convocou representantes da Xunta da Galiza, dos concellos da Coruña, Compostela e Vigo, da Delegación do Goberno español na Galiza, do Consello de Cámaras de Comercio da Galiza, da Fegamp e de Aena, para analizar a situación actual das tres terminais galegas.

Segundo se trasladou no encontro, o Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro creceu o pasado ano até os 3,5 millóns de pasaxeiros, cifra que representa un incremento do 9,2% con respecto ao ano 2022, cando xa rexistrara récord anual de pasaxeiras.

O Aeroporto de Vigo, pola súa banda, recuperou xa o seu tráfico de pasaxeiras prepandemia e fechou 2023 con 1.136.157 pasaxeiras, un 19,2% máis que en 2022.

Polo que se refire ao Aeroporto da Coruña, este creceu o ano pasado un 29,9% en tráfico de pasaxeiras, cun total de 1.252.022, e xa recuperou un 93% dos datos de 2019.

No encontro tamén se puxo en valor o crecemento do número de pasaxeiras no primeiro trimestre de 2024 nos tres aeroportos: Santiago-Rosalía de Castro, nun 1,1%; A Coruña, nun 4,4% e Vigo, nun 5,1%.

Plan de incentivos

Aena aprobou a inicios deste ano un plan de incentivos a tres anos para impulsar o incremento da oferta. Segundo el, nos aeroportos que tiveron menos de tres millóns de pasaxeiras en 2023, como é o caso da Coruña e Vigo, as aerolíneas quedarán exentas de pagar a tarifa por pasaxeiro de todos e todas as viaxeiras adicionais aos de 2023 durante tres anos consecutivos.

Con todo tamén o Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro poderá beneficiarse deste plan de incentivos para aeroportos de máis de tres millóns de pasaxeiros e nos que as compañías aéreas estarán exentas da tarifa por pasaxeiros nos novos roteiros que non se operaron a anterior tempada.

Obras en Vigo

Na reunión tamén se falou dos detalles da obra de rexeneración do pavimento no Aeroporto de Vigo, que suporá a demolición de máis de 29.000 metros cúbicos de pavimento e a extensión de perto de 71.000 toneladas de asfalto.

A obra, que suporá un investimento neto de 23,6 millóns de euros e terá unha duración de nove meses, obrigará a fechar o aeroporto ao tráfico aéreo entre o 6 e o 30 de maio, sempre en coordinación con compañías aéreas e axentes implicados.

Comentarios