Entrevista

Adrián Riádigos, presidente da Asociación Elas Eles: "O acordo UE-Mercosur pon en risco 5.000 granxas na Galiza"

Adrián Riádigos é gandeiro en Vila de Cruces (O Deza). (Foto: Nós Diario)
Gandeiras e gandeiros están protestando polo acordo comercial da Unión Europea co Mercosur. O presidente da Asociación Elas Eles, Adrián Riádigos (Lalín, 1981), ten claro que a “competencia desigual”, as mudanzas na PAC e a política “de perfil” da Xunta ameaza con "recortar á metade o sector agrario".

—A Asociación Gandeira Elas Eles comparte as protestas e tractoradas que se levan a cabo en comarcas como Ourense ou A Limia desde o 29 de decembro?
Estivemos alí membros da directiva da asociación, reunímonos varios días e temos comunicado xa para o día 18 na Coruña, Ourense e Lugo manifestacións xa non tanto para tractores, queremos que sexa a xente a pé, os consumidores e as consumidoras. Nós os gandeiros sabemos o que producimos, non nos imos enganar a nós mesmos, pero os consumidores van ser os grandes prexudicados. Estamos mantendo reunións con distintas asociacións e colectivos para seguir adiante coas mobilizacións, dependendo do que aconteza xa temos esa data e lugares marcados no calendario.

—Como afectaría ao agro galego a sinatura do acordo comercial co Mercosur?
Mingua a calidade do sector galego, non só como sector produtor senón tamén a imaxe que Galiza ten da alimentación que produce. Hoxe, a moitas das festas rurais que se fan, pola escaseza dalgúns bens, están chegando produtos de fóra, queda a festa pero non o produto, e a festa sen produto non é o mesmo.

—No Mercosur operan Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai. Pode Galiza competir no mercado cos seus produtos?
Competir co produto non nos preocupa, o que preocupa é competir en desigualdade de condicións. Eles teñen restricións en materia de sulfatos ou praguicidas que non son as mesmas que as nosas. Nós rexémonos pola Política Agraria Común (PAC), que nos obriga a seguir unhas pautas, con produtos pouco lesivos co medio ambiente e por exemplo na Arxentina úsanse varios que son prexudiciais e foron eliminados da UE hai anos.

—Bruxelas prevé asinar este mes de xaneiro o acordo comercial, que están facendo as Administracións competentes na Galiza e no Estado español?
Estamos manifestándonos nas Subdelegacións do Goberno español na Galiza, pero queremos deixar claro que non podemos esquecer que a competencia é da Xunta da Galiza en materia agrícola e gandeira, e a Xunta está pasando de puntillas neste tema. PP e PSOE para nós é o mesmo porque neste tema van sempre da man. Equivócanse, no sector non somos xa os nosos avós que non sabían de lexislación, somos os fillos e os netos e xa sabemos o que eses partidos votan a respecto dos temas sensíbeis que afectan o noso sector. E tamén sabemos as competencias que corresponden a cada quen. Agora os gandeiros e as gandeiras sabemos perfectamente de quen é cada competencia, así que xa poden pórse as pilas.

—As estatísticas oficiais falan do feche de 10.000 explotacións na Galiza nos últimos 10 anos, que impacto podería ter Mercosur no agro galego?
Atrévome a dicir que recortaría a metade desas explotacións e na metade do tempo: 5.000 feches de explotacións en cinco anos. Non é tanto o que se fala da remuda xeracional no campo galego senón a sensación de que o fillo que queira seguir coa gandaría familiar teña que estar na rúa defendéndose de Altri, das minas...

—Hai debate sobre a mesa unha polémica pola implantación de plantas de biometano e o uso gandeiro dos dixestatos resultantes. Os gandeiros están informados?
Hai tres días rexistramos diante da Valedora do Pobo unha petición de información que levamos tempo solicitando sen éxito, que é que nos informen de todo o material que están tentando que os gandeiros usemos pola porta de atrás para alimentar as nosas terras. Negámonos completamente porque queremos que o consumidor consuma calidade.

Obstáculos para a remuda xeracional

Adrián Riádigos é copropietario, xunto coa súa muller, Carmen Aguiar, dunha explotación de rubia galega no concello de Vila de Cruces (O Deza). Recoñece preocupación polos casos detectados no Estado de Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC), desde Elas Eles mesmo presentaron diante da Xunta da Galiza medidas a adoptar para protexer a cabana galega. "É a Xunta a que pode levar adiante todas estas medidas, ten as competencias, pero non o fai, só mandan comunicados facendo que fan pero non fan nada", critica. Advirte que os gandeiros galegos "xa non somos os avós de antes, somos os fillos e netos e sabemos perfectamente quen ten as competencias", di en referencia á Xunta. Fala tamén da "remuda xeracional" nun contexto de "sensacións complexas" para que os fillos decidan seguir coa explotación familiar.