Admitida a trámite a demanda da Asociación Galega de Consumidores contra 11 bancos por comisións hipotecarias
Reclama a nulidade das comisións de apertura en empréstitos hipotecarios e a devolución das cantidades pagas.
A demanda presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios ( Acouga) contra 11 entidades bancarias, na que se reclama a nulidade das comisións de apertura en empréstitos hipotecarios e a devolución das cantidades pagas, foi admitida a trámite.
Así o explicaron o presidente da entidade, Manuel Pérez Arias, e o secretario xeral, Xoan Antón Pérez-Lema, en rolda de prensa. Nela, Pérez Arias cualificou esta demanda como "histórica" e incidiu na "magnitude" da mesma.
O presidente de Acouga destacou que sexa realizada desde Galiza e en galego
As entidades bancarias demandas son Abanca, Banco Sabadell, Banco Santander, Bankia, Bankinter, BBVA, CaixaBank, Ibercaja Banco, Kutxabank, Novo Banco e Unicaja Banco. Pérez-Lema explicou que todos os bancos, menos Abanca, adheríronse a unha declinatoria.
O secretario xeral de Acouga afirmou que a finais de ano ou principios de 2022 estarán todas as demandas contestadas, momento no que se sinalará a vista. Previamente abrirase un prazo de dous meses para que os consumidores que teñan unha cláusula de comisión de apertura poidan adherirse, para o que deberán ser socios desta asociación.
Segundo expuxo Pérez-Lema, este asunto afecta un 10-15% da poboación e ten "transcendencia estatal". Desde Acouga, esperan que haxa unha resolución no outono de 2022.
Segundo expuxo Pérez-Lema, este asunto afecta un 10-15% da poboación e ten "transcendencia estatal"
Sobre a demanda, o presidente de Acouga destacou que sexa realizada desde Galiza e en galego. En relación a esta cuestión, e aínda que tres entidades bancarias pediron a tradución do requirimento, desde a entidade afirman que non o farán xa que está feito "nunha lingua cooficial".