Admitida a trámite a demanda da Asociación Galega de Consumidores contra 11 bancos por comisións hipotecarias

Reclama a nulidade das comisións de apertura en empréstitos hipotecarios e a devolución das cantidades pagas.

Unha oficina de Abanca nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Unha oficina de Abanca nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A demanda presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios ( Acouga) contra 11 entidades bancarias, na que se reclama a nulidade das comisións de apertura en empréstitos hipotecarios e a devolución das cantidades pagas, foi admitida a trámite.

Así o explicaron o presidente da entidade, Manuel Pérez Arias, e o secretario xeral, Xoan Antón Pérez-Lema, en rolda de prensa. Nela, Pérez Arias cualificou esta demanda como "histórica" e incidiu na "magnitude" da mesma.

O presidente de  Acouga destacou que sexa realizada desde Galiza e en galego

As entidades bancarias demandas son Abanca, Banco Sabadell, Banco Santander,  Bankia, Bankinter, BBVA,  CaixaBank,  Ibercaja Banco,  Kutxabank,  Novo Banco e Unicaja Banco. Pérez-Lema explicou que todos os bancos, menos Abanca, adheríronse a unha  declinatoria.

O secretario xeral de  Acouga afirmou que a finais de ano ou principios de 2022 estarán todas as demandas contestadas, momento no que se sinalará a vista. Previamente abrirase un prazo de dous meses para que os consumidores que teñan unha cláusula de comisión de apertura poidan adherirse, para o que deberán ser socios desta asociación.

Segundo expuxo Pérez-Lema, este asunto afecta un 10-15% da poboación e ten "transcendencia estatal". Desde  Acouga, esperan que haxa unha resolución no outono de 2022.

Segundo expuxo Pérez-Lema, este asunto afecta un 10-15% da poboación e ten "transcendencia estatal"

Sobre a demanda, o presidente de  Acouga destacou que sexa realizada desde Galiza e en galego. En relación a esta cuestión, e aínda que tres entidades bancarias pediron a tradución do requirimento, desde a entidade afirman que non o farán xa que está feito "nunha lingua cooficial".

Comentarios