Acciona negocia cunha empresa da Xunta a venda de parques eólicos de máis de 25 anos

Parque eólico operado por Acciona. (Foto:Acciona)

Recursos da Galiza está interesada na compra dos parques eólicos que Acciona ten en funcionamento no país. A operación, aínda nunha fase moi embrionaria, achegaría á mercantil participada maioritariamente pola Xunta 546 MW de renovábeis procedentes de concesións outorgadas desde os anos 90 polo propio Goberno galego.

A empresa madrileña Acciona negocia coa sociedade público-privada Recursos da Galiza (RDG) a venda  súas instalacións eólicas no país. A operación, avanzada polo xornal económico Expansión e confirmada a Nós Diario polas partes implicadas no proceso, permitiría á Xunta da Galiza facerse cunha potencia eólica de 546 megawatts (MW) distribuídos en 26 parques, entre os que destaca o emprazado no concello da Fonsagrada (comarca homónima) cunha capacidade de xeración de 45,5 MW.

Acciona, o terceiro operador eólico da Galiza –só por detrás de Iberdrola e de Enel–, cifra o valor dos seus activos eólicos en 700 millóns de euros. A compañía, propiedade da familia Entrecanales e coa construción como liña de negocio principal, recoñece que os contactos con Recursos da Galiza están aínda nunha fase moi inicial. A este respecto, explica que esta última mercantil, cuxo accionista maioritario é a Xunta, xa lle trasladou o interese pola súas instalacións eólicas galegas cunha proposta non vinculante.

Fontes de Recursos da Galiza, mercantil conformada por 33 empresas e onde o Goberno galego, conta co 30% do seu capital, sinalan a este xornal que "naceu para converter a riqueza enerxética e mineira da nosa terra en beneficios para a poboación galega, a través de participacións minoritarias ou maioritarias en recursos estratéxicos" e que traballan "cada día para cumprir" o seu "obxectivo fundacional". "Non confirmamos nin desmentimos ningunha conversación", engaden. Nos últimos tempos RDG fíxose co parque eólico Mondigo, en Ribadeo e Trababa (A Mariña), e co 10% do capital da mina de litio de Doade, no concello de Beariz (comarca do Carballiño).

Acciona explica esta operación no marco dun plan de venda de activos para atender os seus compromisos de débeda. Neste sentido, a banca acredora reclamoulle unha redución do seu elevado endebedamento, que no mes de xuño ascendía a 7.414 millóns de euros, 4.200 dos cales estaban asociados á súa división enerxética. Sen ir máis lonxe, a compañía da familia Entrecanales, cunha potencia instalada no mundo de perto de 13.000 MW, vendeu o ano pasado ao redor de 700 MW e aspira a colocar en 2025 no mercado outros 4.000 MW, dos que só concretou nesta altura a venda de 440 MW.

As dificultades que está atopando Acciona para desfacerse dos seus activos eólicos enténdense no marco da crise do sector das renovábeis, provocada polo elevado nivel de endebedamento das compañías e pola caída do prezo da electricidade, o que levou a banca a reducir o crédito e a endurecer as súas condicións para as enerxéticas. A este respecto, as entidades bancarias aseguran que a caída de prezos aumenta o risco das eléctricas, cuxa morosidade creceu de forma constante ao longo dos últimos dous anos e que, nalgún caso, están incumprindo os compromisos cos seus acredores.

Acciona leva meses tentando desfacerse dos seus activos no país. Segundo fontes do sector consultadas por Nós Diario, os parques de Acciona na Galiza teñen un problema derivado da antigüidade dos aeroxeradores, o que obriga o comprador a acometer investimentos millonarios na súa repotenciación. Neste sentido, a totalidade dos parques galegos da compañía dos Entrecanales foron construídos entre 1998 e 2005, polo que práctica totalidade dos aeroxeradores teñen xa superada a vida útil recomendada, que se sitúa en 25 anos. 

 

Galiza conta co parque de aeroxeradores eólicos máis antigo de todo o Estado español. Segundo datos achegados pola consultora Deloitte, 171 complexos eólicos emprazados no país, cun total de 3.300 aeroxeradores e unha potencia instalada global de 2.407 MW, o que representa 62% do conxunto da potencia eólica emprazada na Galiza, son anteriores a 2005. Tendo en conta que a vida útil dun aeroxerador é de 25 anos, as operadoras eólicas propietarias deses complexos eólicos deberán acometer nun máximo de cinco anos a repotenciación desas instalacións.

O custo de repotenciación dun parque eólico determínase en función da potencia instalada e do número de aeroxeradores. Segundo as cifras achegadas pola Asociación Empresarial Eólica (AEE), o custo de repotenciar un parque medio de 30 MW e 45 aeroxeradores achegaríase aos 49 millóns de euros, dos que 1,2 millóns de euros se corresponderían co desmantelamento dos aparellos, 10,3 millóns de euros terían a ver co lucro cesante derivado de tres anos sen actividade e 37,5 millóns euros provirían da instalación dos novos aeroxeradores, máis trámites e outras operación administrativas.

As fontes do sector consultadas por Nós Diario entenden que "a repotenciación dos parques de Acciona ascendería a perto de 1.000 millóns de euros". Neste sentido, sitúan a compañía da familia Entrecanales como "gañadora clara" da operación e poñen como mostra o seu comportamento na Bolsa de onte. De feito, unha vez coñecidas as negociacións entre Recursos da Galiza e Acciona, a cotización desta última compañía disparouse no IBEX-35, aumentando o valor de Acciona en 2,9% e o de Acciona Energía, en 2,66%

Os papeis de Bárcenas sitúan Acciona como doante do PP galego

As negociacións entre Recursos da Galiza e Acciona prodúcense nun momento en que a compañía de Entrecanales se sitúa no centro do denominado 'caso Koldo', unha trama de corrupción asociada a antigos dirixentes socialistas como José Luis Abalos e Santos Cerdán, onde Acciona aparece como o principal actor privado.

A aparición de Acciona en casos de corrupción nas dúas últimas décadas non é algo novo, pois a compañía xa fora investigada polo xuíz Pablo Ruz dentro do 'caso Bárcenas' acusada de financiar de forma irregular o PP galego na campaña electoral de 2005, que concluíu coa derrota electoral de Manuel Fraga, cuxos gobernos beneficiaron o grupo con centos de adxudicacións de obras e con ducias de concesións eólicas. Precisamente, entre os papeis de Bárcenas atopábase información dos pagamentos de Acciona ao Partido Popular.

Acciona foi tamén o principal accionista, con 43% do capital até 2020, da UTE da Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A., a quen a Xunta adxudicou en 2010 os traballos de construción e de xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro. A compañía madrileña propiedade da familia Entrecanales apareceu en 2023, último ano con datos, como a segunda adxudicataria do Goberno galego, só por detrás de ACS.