Absolven 16 das 18 persoas acusadas de ocuparen unha ETT en Vigo

Os secretarios comarcal e de organización da CIG de Vigo aceptaron unha sanción de 150 euros por un delito de faltas

O xuízo contra 18 persoas acusadas de ocuparen unha ETT en Vigo, entre elas os secretarios comarcal e de organización da CIG, non se celebrou finalmente tras a proposta de acordo da propia acusación particular. Deste xeito, 16 das procesadas foron absoltas, entrementres os secretarios comarcal e de organización da central nacionalista aceptaron unha sanción de 150 euros por un delito de faltas.

A propia acusación particular foi a que propuxo o acordo, minutos antes do inicio do xuízo, mediante o que se eximiría de calquera responsabilidade nos feitos a 16 das 18 persoas identificadas pola policía española naquela ocupación da ETT, en setembro do ano pasado. Esta proposta da acusación particular contrasta coa petición inicial, que era de tres anos de cadea.

Delegados e delegadas da CIG concentráronse ás portas do edificio xudicial da rúa Lalín antes do xuízo para amosaren a súa solidariedade coas persoas acusadas. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, tamén estivo presente no acto.

Serafín Otero, secrectario comarcal, agradeceu a resposta solidaria e lembrou que se escolleu para a protesta a empresa de traballo temporal Ader, da rúa Romil, “porque tiñamos coñecemento do trato denigrante que teñen cos traballadores, en especial cos/as do sector do telemarketing”.

Galiza Nova

Entre os colectivos e asociacións que amosaron a súa solidariedade con estas 18 persoas está Galiza Nova. Cinco das persoas imputadas forman parte da entidade xuvenil. 

Comentarios