xoves 03/12/20

Abanca gañou 127 millóns nun trimestre marcado pola COVID-19

No primeiro trimestre do ano, Abanca gañou 127 millóns de euros. Fíxoo nun contorno marcado pola crise da COVID-19, que obrigou á entidade a provisionar 78 millóns de euros.
O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente, Juan Carlos Escotet, e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, na presentación de resultados (Abanca).
O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente, Juan Carlos Escotet, e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, na presentación de resultados (Abanca).

Abanca afronta a crise da COVID-19 nunha "situación privilexiada" en niveis de capitalización e cobertura. Así o ve o seu presidente, Juan Carlos Escotet, que onte aproveitou a presentación de resultados da entidade para destacar o "esforzo" que está a realizar Abanca para "tratar de manter o emprego" co apoio pola vía do financiamento a familias e pemes.

No primeiro trimestre do ano, Abanca rexistrou un beneficio neto de 127 millóns de euros, o que lle permite manter o seu nivel de rendibilidade ROE por riba de 10% (10,9%), ao tempo que fortalece con 78 millóns de euros as súas provisións para crédito ante o previsíbel deterioro económico pola crise da COVID-19. Excluíndo estas provisións extraordinarias, a mellora do beneficio neto é de 0,5%.

A solidez á que facía referencia Escotet materialízase nunha ratio de cobertura de activos improdutivos de 61,1%, das maiores do sector, e unha taxa de morosidade de 2,7%, sensibelmente inferior á da media española. O volume de negocio continúa a medrar e supera xa os 85.500 millóns de euros (20,6% máis que o ano anterior), unha cifra que podería aumentar se se materializa a compra do banco luso Eurobic, nestes momentos pendente de finalizar o proceso de due dilligence. 

Abanca presume tamén dunha cómoda posición de liquidez, con 13.505 millóns de euros entre capacidade de emisión de cédulas e activos líquidos, o que lle permite cubrir máis do dobre dos vencementos previstos de emisións. O cociente de créditos sobre depósitos é de 98%.

Aposta nos seguros

As clientas minoristas son a base do negocio do banco. Neste senso, no primeiro trimestre a marxe de intereses mellorou 13,8% con respecto ao mesmo período de 2o19, mentres que os ingresos por prestación de servizos aumentaron 27,7%, impulsados polos de valor engadido, como os seguros. Así, as primas de seguros de vida-risco medraron 9,8%; os seguros de pagos protexidos, 23%; os de decesos, 13%, e os de autos, 7%.

Plan de acción 

Entre as medidas do plan de acción de Abanca para facer fronte aos efectos da COVID-19 destacan o lanzamento de produtos específicos para persoas afectadas por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), a moratoria en operacións hipotecarias e persoais, a condonación de tres mensualidades de alugueiro a familias en inmóbeis do Fondo Social de Vivenda, e o anticipo de pensións e prestacións por desemprego.

Para as empresas e autónomos, o banco lanzou, entre outros, o Plan Anticipar, dotado de 7.900 millóns para financiar o tecido produtivo. Ademais, está a formalizar un elevado número de operacións en colaboración con diversos organismos (ICO, IGAPE, SGR etc.) e a activar prórrogas, renovacións e ampliación de límites en operacións de financiamento vixentes. 

comentarios