Abanca compra a entidade portuguesa EuroBic

Oficina de EuroBic na avenida da Liberdade de Lisboa. (Foto: Joe Hawkins CC BY-SA 4.0)
"No marco da nosa estratexia de posicionamento como entidade de vocación ibérica, Portugal foi sempre unha prioridade para Abanca", afirma Escotet.

Abanca acordou a compra do 100% do capital de EuroBic cos accionistas da entidade portuguesa. Segundo informa a entidade financeira, o acordo, após a finalización da 'due diligence' correspondente, está suxeito á autorización das autoridades competentes. O Banco de Portugal veu acompañando a operación e foi informado en detalle dos seus termos e a sujeción a autorización ocorre, segundo resalta, "como sucede neste tipo de operacións".

Con esta operación, Abanca reivindica que potencia "significativamente" a súa presenza en Portugal e tornará así "nun dos principais bancos do país". Multiplicará por catro o seu número de clientes, por tres o seu volume de negocio e por tres e medio os seus puntos de venda no país, de acordo cos números que traslada.

En 2018, adquiriu a rede de oficinas de Deutsche Bank Portugal, o que lle permitiu alcanzar os 70 puntos de venda e un volume de negocio de case 7.000 millóns de euros. Cun equipo de 500 profesionais especializados en familias e empresas, e na distribución de fondos de investimento, Abanca Portugal rexistrou entre xaneiro e setembro de 2023 un incremento do 76% en altas de clientes respecto ao mesmo período do ano anterior.

"No marco da nosa estratexia de posicionamento como entidade de vocación ibérica, Portugal foi sempre unha prioridade para Abanca. É unha das economías máis dinámicas da eurozona e un mercado natural para nós pola súa intensa interrelación económica e cultural con España, e en especial coas áreas xeográficas de liderado de Abanca", destaca o presidente da entidade, Juan Carlos Escotet.

"A operación permítenos optimizar a presenza de Abanca en Portugal e proporciónanos unha elevada complementariedade en liñas estratéxicas. Suporá claras sinerxías de ingresos, un maior desenvolvemento en banca universal, potencial de crecemento en fóra de balance e seguros, e un forte posicionamento en medios de pago, en particular na actividade de adquirencia", explica o conselleiro delegado, Francisco Botas.

A operación suporá 9,5% do total dos activos de Abanca, 10,1% dos seus préstamos, 10,5% dos seus depósitos e 15,1% na súa marxe básica, seguindo cos seus datos. O feche da compra está previsto para xuño de 2024. Posteriormente, informa Abanca, abordarase a integración tecnolóxica na plataforma da entidade, de maneira que os novos clientes "poidan beneficiarse de toda a potencia tecnolóxica do grupo en aspectos como as aplicacións móbiles".

EuroBic

EuroBic é unha entidade cun perfil financeiro "moi sólido", segundo resalta Abanca. Ao remate do primeiro semestre de 2023, presenta un 'ROTE' de 15%, unha ratio 'CET1' de 15,5%, unha taxa de demora de 4% (cobertura 83%) e unha ratio 'LTD' de 82%. A entidade xestiona un volume de negocio de 11.658 millóns de euros, cun volume de crédito de 5.167 millóns de euros e uns depósitos de 6.280 millóns de euros. Conta con 179 puntos de venda e 1.400 profesionais con "forte arraigamento en todo Portugal", que xestionan unha base de 240.000 clientes (190.000 particulares e 50.000 empresas), sinala Abanca.

Pola súa parte, Abanca preséntase como "un dos principais bancos ibéricos e a entidade financeira líder no noroeste de España". Coa incorporación de Targobank, conta con 779 oficinas en 11 países de Europa e América, máis de 6.500 empregados e un volume de negocio de 112.754 millóns de euros (46.067 millóns en préstamos, 53.285 millóns en depósitos de clientes e 13.402 millóns en fóra de balance).