A Xunta fixa uns servizos mínimos abusivos para tentar contrarrestar a folga xeral do 14N

A CIG considera que o borrador de servizos mínimos non garante o lexítimo dereito á folga do persoal da administración e advirte que recurrirá a proposta de non se modificaren
Manifestación en Ferrol Foto: @chacueco

Máis servizos mínimos que nas folgas anteriores. A Xunta vén de presentar aos sindicatos un borrador de servizos mínimos para o persoal das administración que, en centrais como a CIG, consideran abusivo e que non garante o dereito á folga dest@s traballadores e traballadoras. A proposta presentada pola consellaría de Facenda afecta ao persoal que traballa nos servizos, sectores e actividades baixo competencia da Xunta: seguridade, protección civil, medios de comunicación social, rexistro, educación, bombeiros, transportes...

A CIG denuncia que a proposta do Goberno galego "supera mesmo os servizos mínimos estabelecidos para folgas anteriores". A este respecto, o sindicato lembra que tanto o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza como o Tribunal Supremo a instancias de recursos presentados pola CIG consideraron excesivos e abusivos os servizos mínimos decretados pola Xunta.

Alegacións

A CIG xa presentou alegacións ao borrador e está á espera da resposta da Xunta. De se manter o goberno galego na actual proposta, a central presentará un recurso contencioso-administrativo. Considera a central que o punto de partida para a negociación do decreto de servizos mínimos do día 14 de novembro ten que ser o auto do 19 de xuño de 2002 da sala do contencioso-administrativo do TSXG, que di: “enténdese que os servizos mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina, do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, salvo que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, en que haberá que atenderse ás quendas estabelecidas para os sábados”.

Comentarios