A CRTVG quedará en mínimos o 14N

Un acordo histórico entre a compañía e o Comité de Empresa permitirá que se visualice, por vez primeira, que o persoal dos medios públicos secunda unha xornade de Folga Xeral. En troques, mantense o desacordo no SERGAS e na Administración, cuns servizos mínimos que a CIG anuncia recorrerá aos entender abusivos
Plató dos informativos da TVG
photo_camera Plató dos informativos da TVG


Durante a xornada de Folga Xeral os servizos mínimos da CRTVG non excederán o 15% do persoal promedio e os informativos reducirán a súa duración até só 20 minutos. Así se recolle nun acordo histórico entre a compañía e o seu Comité de Empresa. O mesmo permitirá que “por vez primeira, se visualice nos medios públicos galegos o seguimento dunha folga xeral” apuntan desde as organizacións sindicais. O persoal asignado a servizos mínimos só estará obrigado a “levar a cabo as tarefas vinculadas aos servizos esenciais para os que foron asignados”.

Xa que logo, as canles de televisión e máis de radio públicas do noso país ficarán en mínimos o próximo 14 de novembro. Neses mínimos inclúese a produción e emisión de programas informativos, “limitándose a inclusión de noticias que sexan de actualidade e teñan a inmediatez necesaria para garantir o dereito á información”. Tamén serán “contidos mínimos” aquelas declaracións ou comunicados oficiais que sexan de “interese público esenciail” ou que se sucedan ao longo da xornada de paro.

A programación alternativa pactada incluirá a redifusión --que será identificada de xeito expreso-- de filmes, documentais ou programas xa emitidos, así como a emisión dos programas “Era visto” e “Larpeiros”, por teren sido gravados con anterioridade.

Á medianoite do 14 a pantalla da Televisión de Galiza proxectará unha sobreimpresión co texto “TVG, RTG e CRTVG.es poderían emitir hoxe unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga”. Referencia que tamén se pasará ao inicio e fin de cada programa alternativo, durante polo menos un minuto. No caso da radio, unha locución informará de que “TVG, RTG e CRTVG.es están emitindo hoxe unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga xeral”. Un banner fará o propio nos medios web da compañía.

Desacordo no SERGAS e na Administración

Se na CRTVG acadábase un acordo histórico, no SERGAS a desavinza foi o desenlace da derradeira xuntanza entre a dirección e a representación das e dos traballadores. Segundo denuncia a CIG-Saúde o SERGAS imporía uns servizos mínimos superiores ao persoal operativo nunha fin de semana.

Aliás, tampouco houbo acordo na Adminsitración. As negociacións finiquitadas por Alfonso Rueda, en tanto que Conselleiro de Presidencia, mantén --agás no referido á CRTVG-- os servizos mínimos propostos inicialmente, e aos que a CIG vén de reiterar a súa intención de os recorrer por entendelos abusivos.

Comentarios