58% de fogares chega mal a fin de mes

Un home merca roupa nun posto ambulante de rúa en Castro Ribeiras de Lea, Castro de Rei, nunha imaxe de arquivo (Carlos Castro / Europa Press)
O primeiro trimestre de 2021, segundo os datos publicados polo IGE, confirmou as dificultades económicas que teñen os fogares galegos polos baixos ou nulos ingresos cando se supera o ano de pandemia. O nivel de aforro é mínimo e só accesíbel para aqueles que teñen rendas máis altas.  

Segundo os datos publicados esta segunda feira, 5 de abril, polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no primeiro trimestre de 2021 aumentou a pobreza ao dispararse os casos en que se chega con dificultade ou moita dificultade a final de mes, até supor un 58% do total, unha porcentaxe 10 puntos maior que un ano antes, cando era de 48%. 

Afondando na distribución, os fogares que chegan con dificultade a final de mes son 47,06% e os que rematan cada mes con moita dificultade, 10,01%. Pola contra, 47,3% chega con facilidade ou moita facilidade. A superación da liña de 50% por efecto da pandemia non deixa de lembrar que aconteceu algo semellante no primeiro trimestre de 2018. 

Alén da situación creada en comercios e hostalaría, con bares e restaurantes fechados ou con limitacións, o consumo tamén diminuíu de maneira considerábel entre xaneiro e marzo de 2021. Segundo o IGE, as persoas que teñen pensado saír a cear, a cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro nos vindeiros meses baixan de forma acentuada e quedan en 24,3%, cando eran de 58,8% só un ano antes. Ademais, afúndese a taxa de persoas que teñen previsto ir de viaxe, que quedaría en 2,2%, fronte a 9,6% que si o faría no ano anterior. 

Por outra banda, 41,1% dos fogares non se permitiu ningún gasto extra, aquel que mesmo é o destinado a imprevistos, nos últimos tres meses. A maiores, 10,4% das familias cambiou os seus hábitos de compra apostando por mercar marcas brancas ou produtos que están en oferta, á vez que 10,3% diminuíu gastos comúns como a roupa e o calzado.

A grande esperanza da vacinación

Inocular a poboación tería como resultado a vacinación da economía. Este é o pensamento de entidades como o Banco de España, que asegura que o avance da inmunidade terá repercusión nos petos das familias co aforro acumulado neste período de pandemia. Deixando de lado a certeza dunha vacinación a curto prazo, no seu informe "O aforro dos fogares durante a pandemia e os seus posíbeis efectos sobre a reactivación futura do consumo", asinado por José Antonio Cuenca, Carmen Martínez Carrascal e Ana do Río, sinalaban que o aforro só era posíbel nas rendas máis altas

No caso galego, nesta última estatística do IGE, 34,9% das familias ten pensado aforrar diñeiro nos próximos tres meses fronte a 40,5% de hai un ano. Para ese futuro próximo, o mesmo informe do banco estatal aseguraba que "os fogares coas rendas máis baixas non só teñen unha menor capacidade de aforro, senón que o aumento deste durante os últimos trimestres tamén podería ser máis limitado ou, mesmo, nalgúns casos, ser inexistente, a pesar de que as medidas de apoio público (como o caso de manter os ERTE) contribuíron a preservar os seus ingresos". 

Ingresos a partir das prestacións

A outra cara da moeda é a dependencia dos fogares de ingresos que non proceden de relacións laborais actuais. O propio IGE publicaba o pasado mes de xaneiro que 41,8% dos fogares da Galiza teñen nas prestacións a súa principal entrada económica. 

Unha porcentaxe levemente superior á de fogares nesa situación hai unha década, en 2010 (41,6%), mais que se traduce en que en 2019 (último ano computado pola institución, antes da pandemia) había case 447.000 fogares na Galiza na que a súa vía de ingresos máis importante derivaba das prestacións (xubilación, incapacidade, desemprego etc.) polo que o aumento se traducía en case 10.000 fogares máis que en 2010.

Do outro lado estarían aqueles fogares que teñen o traballo como a principal vía de ingresos, que son 56%. A porcentaxe restante, case 2%, tería os ingresos a partir da percepción de rendas ou semellante. 

A importancia das prestacións vémola tamén se elevamos a porcentaxe como fonte de ingresos até 75% do total, na que atopamos máis de 350.000 fogares. E coas prestacións como única fonte de ingresos hai no noso país 305.566 fogares, case tres de cada dez. En relación aos rendementos do traballo, eses son a única vía de ingresos en 31% dos fogares da Galiza. En 55,8% esta vía é a principal, mais non a única.

Segundo o IGE, a fenda entre os fogares con vía principal de ingresos nos rendementos do traballo e os de prestacións non é pequena. Así, no primeiro caso a media mensual de ingresos está nos 2.500 euros, mentres que na segunda (as prestacións), sitúase en mil euros menos.