Trece asociacións de distintos ámbitos do sector da hostalería galega uníronse para constituír Hostalería Federada Galega ( Hosfega), unha nova federación coa que buscan "cubrir o oco" que, din, existe nas relacións entre a Xunta e o mundo da hostalería galega ao exercerse con entidades que "non representan" á globalidade do sector.
Representantes das entidades fundadoras de Hosfega acudiron ao edificio administrativo de San Caetano, en Santiago, para formalizar o rexistro da federación, conformada por 13 asociacións con "máis de 4.000 negocios detrás".
Ás portas da sede da Xunta, a directiva da nova entidade ofreceu declaracións aos medios para explicar a fundación desta federación, que xorde do desexo de contar "cunha representación máis plural" nas relacións coa Administración galega.
Así o explicou a presidenta de Hosfega, Elena Vitoria, que apuntou que a pandemia evidenciou que o sector da hostalería, o "máis afectado" pola crise sanitaria, "está fragmentado" e os seus órganos de interlocución coas autoridades "non son plurais nin suficientes".
A presidenta de Hosfega subliñou que "a comunicación" coa Xunta "non é boa" e que os promotores do colectivo séntense "un pouco abandonados" e "afastados" das mesas de interlocución
Por iso, estas 13 asociacións uníronse para crear Hosfega, que desligan de intereses políticos máis aló de defender os intereses do sector. "Necesitamos cohesión. É a parcela que entendemos que estaba descuberta e vimos facelo", reivindicou Vitoria. A presidenta de Hosfega subliñou que "a comunicación" coa Xunta "non é boa" e que os promotores do colectivo séntense "un pouco abandonados" e "afastados" das mesas de interlocución, unha situación á que, din, queren poñer fin "porque a supervivencia de moitas familias depende diso".
Como exemplo desta falta de comunicación co conxunto do sector, Vitoria apuntou ás relacións entre Xunta e o lecer nocturno, que cren que se cingue aos negocios e salas "máis grandes" mentres quedan fóra os "pequenos" pubs e bares presentes en toda Galiza e que, ao seu xuízo, fican fóra das medidas que deseña a Xunta, pois "non son rendíbeis ou adaptábeis" para estes negocios.
O primeiro paso da recentemente creada federación é solicitar unha reunión co presidente da Xunta. "Necesitamos alzar a voz. Dicir que estamos aquí, que chegamos e que o importante é que se nos escoite", apostilou.
Cuestionada sobre a existencia doutra federación de hostalería a nivel galego, a presidenta de Hosfega cuestionou a súa vida "real" máis aló de que poida "existir a nivel administrativo ou legal". "Eu teño nun caixón uns calcetíns brancos con corazóns vermellos que non me poño nunca e non existen, porque ninguén os ve. É o mesmo que pasa con esta federación. Non existe. Onde está?, que traballo fai?, a quen representa?", aseverou Vitoria.