4.000 locais e negocios hostaleiros crean unha nova federación do sector ao non se sentir "representadas"

Trece asociacións de hostalería impulsan a organización, que xorde do desexo de contar "cunha representación máis plural" nas relacións coa Administración galega.

Trece asociacións de distintos ámbitos do sector da hostalería galega uníronse para constituír Hostalería Federada  Galega ( Hosfega), unha nova federación coa que buscan "cubrir o oco" que, din, existe nas relacións entre a Xunta e o mundo da hostalería galega ao exercerse con entidades que "non representan" á  globalidade do sector.

Representantes das entidades fundadoras de  Hosfega acudiron ao edificio administrativo de San Caetano, en Santiago, para formalizar o rexistro da federación, conformada por 13 asociacións con "máis de 4.000 negocios detrás".

Ás portas da sede da Xunta, a directiva da nova entidade ofreceu declaracións aos medios para explicar a fundación desta federación, que xorde do desexo de contar "cunha representación máis plural" nas relacións coa Administración galega.

Así o explicou a presidenta de  Hosfega, Elena Vitoria, que apuntou que a pandemia evidenciou que o sector da hostalería, o "máis afectado" pola crise sanitaria, "está  fragmentado" e os seus órganos de  interlocución coas autoridades "non son  plurais nin suficientes".

A presidenta de  Hosfega subliñou que "a comunicación" coa Xunta "non é boa" e que os promotores do colectivo séntense "un pouco abandonados" e "afastados" das mesas de  interlocución

Por iso, estas 13 asociacións uníronse para crear  Hosfega, que  desligan de intereses políticos máis aló de defender os intereses do sector. "Necesitamos cohesión. É a parcela que entendemos que estaba descuberta e vimos facelo", reivindicou Vitoria. A presidenta de  Hosfega subliñou que "a comunicación" coa Xunta "non é boa" e que os promotores do colectivo séntense "un pouco abandonados" e "afastados" das mesas de  interlocución, unha situación á que, din, queren poñer fin "porque a supervivencia de moitas familias depende diso".

Como exemplo desta falta de comunicación co conxunto do sector, Vitoria apuntou ás relacións entre Xunta e o lecer nocturno, que cren que se cingue aos negocios e salas "máis grandes" mentres quedan fóra os "pequenos" pubs e bares presentes en toda Galiza e que, ao seu xuízo, fican fóra das medidas que deseña a Xunta, pois "non son rendíbeis ou adaptábeis" para estes negocios.

O primeiro paso da recentemente creada federación é solicitar unha reunión co presidente da Xunta. "Necesitamos alzar a voz. Dicir que estamos aquí, que chegamos e que o importante é que se nos escoite", apostilou.

Cuestionada sobre a existencia doutra federación de hostalería a nivel galego, a presidenta de  Hosfega cuestionou a súa vida "real" máis aló de que poida "existir a nivel administrativo ou legal". "Eu teño nun caixón uns calcetíns brancos con corazóns vermellos que non me poño nunca e non existen, porque ninguén os ve. É o mesmo que pasa con esta federación. Non existe. Onde está?, que traballo fai?, a quen representa?", aseverou Vitoria.