12 de Xuño: a clase obreira protesta contra a embestida da Troika

Unha greve xeral en Ferrolterra coa correspondente manifestación que se realizará ás 12h completarase pola tarde con outras tres mobilizacións convocadas pola CIG en Vigo, Compostela e Ribeira para rexeitar unhas políticas que xeran "fame e miseria" e que elevaron as cifras do desemprego até os níveis máis altos desde 2008

photo_camera [Imaxe: Suso Pazos]


Cunha taxa de desemprego que se coloca no 32% e con máis de 26 empresas pechadas no que vai de ano, a comarca de Ferrolterra vai á greve xeral esta cuarta feira, 12 de xuño, en sinal de repulsa da situación de "emerxencia social" á que a avocaron as políticas económicas e sociais aprobadas desde os gobernos galego e español, ambos os dous en mans do PP, que son asumidas e executadas ao ditado da Unión Europea e das institucións que a teñen tomada, a coñecida como 'toika': FMI, Banco Central e Comisión europea. 

Así as cousas, e fronte ás promesas eleitorais incumpridas --ben coñecidas son xa historias como a dos floteis de Pemex, as catro centrais sindicais convocantes --CIG, CC OO, UGT e USTG-- chaman ás rúas para reclamar "solucións urxentes". Á mobilización que sairá ás 12h desde o Inferniño, na cidade departamental, uniranse ao serán outras dúas convocadas pola CIG en Vigo, Compostela e Ribeira. 

Vigo: contra as políticas que xeran "fame e miseria"

Para as 20h e desde Vía Norte está fixado o protesto que decorrerá as rúas da cidade olívica en sinal de rexeitamento a unhas cifras que o secretario comarcal da central nacionalista, Serafín Otero, recordou en rolda de imprensa: a taxa de paro medrou un 24% en catro anos até rexistrar un total de 49.741 persoas, cifra que superaría as 80.000 de contabilizar as estatísticas oficiais o número de moz@s que emigraron e @s desempregad@s anotad@s en actividades formativas. 

Aliás, os e as traballadoras afiliadas á Seguridade Social descendeu en 30.000 persoas desde 2008. Cada ano, na comarca destrúense por volta de 5.000 empregos. Máis do 50% dos fogares chegan con dificultade a final de mes; máis do 12% chega ampeando. CIG exixe "unha resposta real para frear a demolición da nosa base produtiva" e reclama "unha mudanza radical das políticas para garantir o dereito a producir e vivir dignamente do noso traballo", subliñou Serafín Otero, quen recalcou a postura da central nacionalista en prol dunha folga xeral na comarca a finais de xuño ou comezos de setembro.

Compostela, diante dunha situación "dramática"

Así cualificou o panorama na comarca o responsábel da CIG-Compostela, Anxo Noceda, recalcando que o panorama vai empeorar ao remate da tempada de verán, cando os e as traballadoras contratadas no sector hostaleiro volvan engrosar as listas do desemprego. Os dados laborais de maio son os segundos peores da serie histórica desde 2007 "lonxe de ver brotes verdes", enfatizou Noceda en referencia ao video eleitoral realizado polo PSOE en xullo de 2009, onde se presentaba un terreo árido en que agromaba unha planta. 

"Malia o triunfalismo" con que as cifras do desemprego de maio foron presentadas, Noceda recalcou que "estamos diante dos peores datos dos últimos sete anos" e vaticinou que a situación "empeorará a partir dos meses de outubro e novembro, con especial incidencia no mes de xaneiro". Segundo os dados da Enquisa de poboación activa, a capital do País é a segunda cidade con máis paro, cun 27%, só por detrás de Ferrol. Máis de 13.000 persoas procuran emprego nunha localidade que non chega a 100.000 habitantes. A mobilización convocada sairá ás 20h da Praza Roxa.

A economía do Barbanza "desaparece do mapa"

Da Praza do Peixe ás 20.30h arrincará a mobilización convocada en Ribeira para deitar algo de luz sobre o futuro "negro" que se aveciña para unha comarca onde o tecido produtivo se sustenta na conserva. Deste sector dependen directamente 3.000 postos de traballo, segundo contabilizou o responsábel da Unión local das rías (Barbanza e Muros-Noia), Xan García, quen asegurou que "se non se adoptan medidas a comarca desaparece do mapa, economicamente falando". 

A externalización de procesos produtivos como a limpeza do peixe tradúcese na Galiza no incremento do desemprego no sector, ao non cumprir man de obra alén da contratada en países como O Salvador ou Guatemala "por salarios que xa podemos imaxinar" e por empresas galegas "que están a recibir fondos públicos". Na carteira da Unión Europea hai un tratado de libre comercio con países do sudeste asiático onde unha operaria de limpeza do peixe cobra 7 euros mensais. "Con esta competencia desleal notamos como as factorías grandes xa non contratan xente nin a tempo parcial nin fixo-discontinuo", subliñou García. A comarca vai camiño das 11.000 persoas desempregadas. 

Comentarios