UNHA ESCOLMA DO PAPEL

0,26% posúe a metade da riqueza da Galiza

Na Galiza hai 7.090 persoas cunha base impoñíbel superior aos 700.000 euros. Son 0,26% da poboación galega, mais atesouran 25.500 millóns de euros. O diñeiro que posúen as 3 persoas máis ricas multiplica por 7 o orzamento da Xunta.

Screen Shot 2017-05-31 at 20.27.08
photo_camera Tres galegos figuran na listaxe das 10 grandes fortunas do Estado español

A suma de todos os bens e servizos producidos na Galiza durante un ano non darían para igualar a fortuna persoal que posúe Amancio Ortega e a súa filla Sandra. Toda a capacidade económica dun país nas súas diferentes ramas produtivas fica por baixo do patrimonio que teñen os seus 2 habitantes máis ricos.

O PIB galego foi en 2012 de pouco máis de 55.000 millóns de euros. A fortuna que Forbes lle atribúe a Amancio Ortega supera os 48.500 millóns. Por resumilo, e simplificando en chave de ironía: para o mundo do sarillo económico sería máis catastrófico que desaparecesen Amancio e Sandra Ortega que que desaparecese Galiza.

Na Galiza hai ricos. E hainos moi, moi ricos. Grandes fortunas que non minguaron coa crise, algunhas máis ben o contrario, e que nestes anos perfeccionaron os complexos entramados para esquivar ou reducir o pagamento de impostos e tributos na Galiza e no Estado español. Amancio Ortega, a súa filla Sandra (cuarta entre as 10 grandes fortunas do Estado, con 5.400 millóns de euros) ou Manuel Jove (quinto nesa clasificación, con 3.900 millóns) atesouran os principais patrimonios do país. Non son os únicos. Aí están os donos, por poñer uns poucos exemplos, de imperios como as conserveiras Jealsa e Calvo, Aluminios Cortizo, e un longo etcétera.

O xornalista especializado en temas económicos Xosé R. Moscoso advirte da nómina de grandes fortunas galegas que "optimizan, como adoitan dicir eufemisticamente, o pagamento de impostos". Unha listaxa na que están os propietarios de Inditex, Jealsa, Megasa, Cortizo,...

A suma da riqueza de Amancio Ortega e da súa filla Sandra é moi superior a todo o PIB de Galiza (55.308 millóns)

Canto máis tes, menos pagas

"Ademáis das Sicavs, tan habituais para os grandes patrimonios como Amancio e Sandra Ortega, Manuel e Felipa Jove, José María Castellano, José Manuel Fernández Loureda ou as familias Calvo e Fontenla, súmase outra dinámica que tamén ten no Imposto de Sociedades, o que grava os beneficios empresariais, o seu cabalo de batalla".

Screen Shot 2017-05-31 at 20.23.02

Son as bases impoñíbeis negativas incorporadas a dito tributo, "coma se dunha desgravación se tratase, que levan a grandes empresas a declarar un beneficio negativo a efectos fiscais, aínda que os seus resultados sexan positivos. Grazas a iso, non pagan Imposto de Sociedades ou redúceno sensibelmente".

Vantaxes

O gran capital, pois, non tributa na Galiza. Por moi baixo que sexa ese tributo, manobran para declarar a través de lugares onde os impostos sexan aínda menores. Un exemplo son as xa mencionadas Sicavs, sociedades de investimento de capital variábel. Un instrumento moi do gosto das grandes fortunas para a xestión do seu patrimonio persoal pois permítelles pagar un ridículo 1 por cento de imposto de sociedades (unha pequena ou mediana empresa paga máis de 20 por cento). En 2008 na Galiza estaban domiciliadas por volta dunha trintena destas Sicavs, Na actualidade son unicamente tres e entre elas apenas suman 14 millóns de euros. Non desapareceron, senón que 'emigraron' na procura de (aínda) máis vantaxes.

Galiza é o cuarto territorio do Estado cos ricos 'máis ricos'. E o terceiro cos salarios máis baixos e o último en pensións

Holanda, Suiza ou, xa en menor medida, Irlanda son lugares apetecíbeis en que as grandes fortunas galegas domicilian 'sociedades holding' con que dar un regate ao fisco e evitan así tributar no Estado español polos seus inxentes beneficios.

A fenda

Galiza é o cuarto territorio do Estado, tras Madrid, Valencia e Balears, cos 'ricos máis ricos'. En 2011 o goberno Zapatero recuperou o Imposto de Patrimonio. A recadación obtida e o número de contribuíntes obrigados a pagalo dannos unha boa fotografía dos ricos que hai na Galiza. Son 7.090 persoas cunha base impoñíbel que supera os 700.000 euros ou con no mínimo 2 millóns de euros en bens. Son apenas 0,26% da poboación de Galiza mais atesouran 25.413 millóns de euros, equivalente á metade do PIB do noso país.

Screen Shot 2017-05-31 at 20.25.10Novagalicia Banco vendeuse por 1.003 millóns de euros a Banesco. Unha cifra que, voltando a referirinos ao rico dos ricos de Galiza, non chega nen a 2 por cento da fortuna que ten Amancio Ortega. É máis: só cun terzo dos 3.300 millóns de euros en que aumentou a súa fortuna en 2013 daría para comprar NGB.

Todas estas cifras indican até que punto a fenda salarial e social vai a máis na Galiza, nunha tendencia que xa era previa á crise. Unha desigualdade que nos estados que integran a OCDE (Organización para a Cooperación e Desenviolvemento) está na actualidade no seu nível máis alto dos últimos 30 anos. No Estado español 10 por cento da sociedade mellor situada economicamente gaña 15 veces máis do que a media. Unha fenda que aumenta. Unha situación que é máis desigual aínda na Galiza. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, o noso país é o terceiro territorio do Estado co salario medio máis baixo (20.241 euros). Mais, lembremos, somos o cuarto con máis ricos.

Esta reportaxe apareceu no número 83 de Sermos Galiza, publicado a 6 de febreiro de 2014. Loxicamente todos os dados económicos que nela aparecen se referen a esa altura.

Comentarios