14N: O rexeitamento ás políticas de 'austeridade' plasmarase en mobilizacións nunha ducia de países

O 14N foi convocada como unha xornada de loita e protesta a nivel europeo contra as políticas de 'austeridade' que están a xerar grandes fendas de desigualdade e a levar ao empobrecemento a amplas capas da sociedade. Pola volta dunha ducia de países acollerá protestas e mobililizacións, desde folgas xerais e paros de media xornada ou manifestacións e concentracións.
FX

Non só o estado español ou Portugal teñen unha cita mañá, 14N, para amosar o rexeitamento ás políticas de austeridade e recortes impostas desde Bruxelas e os respectivos gobernos. Se ben nestes dous estados haberá Folga Xeral de 24 horas, tamén noutros territorios europeos esta cuarta feira haberá diferentes mobilizacións e protestas.

Italia: O sindicato maioritario, CGIL, convoca unha folga xeral de catro horas e diferentes manifestacións ao longo do país. Pola súa banda,a central UIL convoca unha manifestación central en Nápoles centrada no emprego xuvenil e na defensa dos servizos públicos.

Grecia: Os principais sindicatos veñen de protagonizar unha folga xeral de 48 horas, coincidindo coa votación dos orzamentos para 2013. Mais tamén neste 14N haberá mobilziación no país heleno. As centrais convocan un paro de tres horas e unha gran manifestación en Atenas.

Chipre: Neste pequeno país tamén hai convocada unha folga xeral, co sindicato SEK á fronte.

Malta: Tamén en Malta hai convocada unha folga xeral, apoiada pola CMTU, federación de ramas sindicais.

Francia: Cinco sindicatos franceses (CGT, CFDT, UNAS, FSU e Solidaires) convocaron para esta cuarta feira 28 manifestacións noutras tantas cidades galas.

Bélxica: As tres centrais sindicais convocaron concentracións ante as embaixadas de Grecia, Italia, Portugal e estado español. Alén disto, na zona valona varias centrais chaman a unha folga xeral, entre elas a federación do metal.

Alemania: A DGB (Confederación Alemá de Sindicatos) organiza manifestacións e diversas accións en diferentes cidades do país. Alén disto, tamén haberá actos en factorías e empresas para lanzar unha mensaxe de solidariedade aos e ás traballadoras dos estados máis afectados polas políticas de 'austeridade'.

Reino Unido: A TUC, Trades Union Congress, federación de sindicatos, vai desenvolver nesta xornada diversos actos de solidariedade cos e coas traballadoras de Portugal, Grecia e estado español. Tamén realizará palestras en factorías e empresas para explicar o fracaso da 'austeridade'

Dinamarca: Os tres principais sindicatos organizan en Copenhage un acto de apoio e solidariedade aos traballadores dos países do sur de Europa. No mesmo estará presente o primeiro ministro danés.

Holanda: A FNV, Federación de Sindicatos Nacionais, con 1.200.000 afiliad@s convoca un acto central en rexeitamento das políticas de recortes e desmantelamento do modelo de benestar e en apoio aos traballadores e traballadoras de Portugal, Grecia e estado español.

PoloniaOPZZ e Solidarnosc realizan un acto público en Varsovia de apoio ás reivindicacións da xornada do 14N.

Austria: A ÖGB organiza un acto de solidariedade cos trabajadores europeos, en Viena, aliás de realizar xuntanzas nas empresas contra as políticas de austeridade de Bruxelas e do goberno austríaco.

En Suecia, República Checa, Rumanía, Suiza ou Finlandia, hai tamén convocadas diferentes protestas e mobilizacións.

Comentarios