O xuíz decide non imputar polo asasinato de Jimmy ningunha das 5 persoas acusadas pola Fiscalía

En novembro de 2014, o seareiro deportivista Jimmy foi asasinado nunha emboscada dos ultras atléticos aos riazor blues. O asasinato pode ficar impune. O xuíz decide non imputar ningunha das 5 persoas acusadas pola fiscalía.

jimmy-crop
photo_camera Unha faixa en memoria de Jimmy

A Fiscalía dá credibilidade ás investigacións policiais que sinalan como autores materiais do asasinato de Jimmy cinco ultras do Frente Atlético, mais o titular do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid considera que as pesquisas se basean nun testemuño non críbel, o achegado por unha testemuña menor de idade.

O xuíz decide fraccionar a causa en dúas pezas distintas, unha polo homicidio de Jimmy e o intento de homicidio de outro riazor blues (sen que neste momento haxa ningún imputado por tais cargos) e outra pola rifa multitudinaria que se produciu á beira do Manzanares horas antes de se disputar no Calderón un partido entre o Atlético e o Deportivo.

Os cinco ultras sinalados pola Fiscalía como presuntos autores da morte de Jimmy si serán procesados por rifa multitudinaria.

Xa en abril pasado, a fiscalía considerou que existían indicios razoábeis para acusar os cinco ultras do Atlético do asasinato de Jimmy, mais a Audiencia Provincial de Madrid refutou as teses do ministerio público por xulgar que se baseaban nun testemuño non críbel, o do menor que presenciou os feitos.

Comentarios