Xosé Mosquera, presidente da Federación Galega de Tenis: "Nos estamos dispostos a permitir dúas afiliacións na nosa Federación"

O presidente da Federación Galega de Tenis (FGT), Xosé Mosquera. (Foto: Cedida)
Aproveitando a presentación esta sexta feira do torneo internacional de tenis II Pontevedra Open ITF M15, organizado polo Club de Tenis Pontevedra, 'Nós Diario' conversou co presidente da Federación Galega de Tenis (FGT), Xosé Mosquera, sobre a situación deste deporte na Galiza e a polémica creada pola Real Federación Española de Tenis (RFET) sobre as licenzas.

—Está na presentación dun torneo internacional que prestixia o tenis galego. Que lle parece?​
Cando cheguei á Presidencia da Federación propúxenme a internacionalización do tenis galego. Que houbese na Galiza torneos internacionais de distintas categorías. É dicir, de mocidade nova como é a de Sub-14, de júniors -que xa había-, de absolutos ou sénior, que se foron incorporando.

Tamén os femininos, aínda que tiñan menos demanda inicialmente, e outros impulsados polos clubs, como é neste caso o que realiza o Club de Tenis Pontevedra..

Hoxe xa temos unha oferta internacional que abre un pouco todos os espectros da competición. Para que? Pois para, por un lado, darlle a oportunidade aos xogadores e ás xogadoras galegas de competir aquí sen moverse e sen ter que asumir gastos de desprazamento.

Polo outro, que observen esta competición, que é a anterior á do circuíto internacional e previa á categoría profesional. Foi o percorrido que realizou no seu momento, por exemplo, Jessica Bouzas.  

—O éxito de Jessica Bouzas e de Martín de la Puente incrementou as licenzas neste deporte?s licenzas nos últimos anos foron crecendo. Por unha parte polas referencias e pola outra polos programas que propuxemos desde a Federación. Un exemplo foi o denominado 'Corresponsábeis de igualdade', que o que pretendía era estender este deporte entre aquelas persoas que non participaban del.

Na actualidade xa non hai ese programa, pero este ano, o próximo especialmente, temos unha modalidade deportiva recentemente incorporada que é o pickleball, que vai axudar tamén a crecer en licenzas.

—Hai uns días criticou a “captación de licenzas” por parte da RFET. Solucionouse ese tema?

Aínda non tivemos unha reunión a nivel estatal. Hai que ter en conta que, evidentemente, as licenzas son unha parte importante dos nosos recursos para facer actividades, axudar aos xogadores e ás xogadoras e mesmo dar algunha axuda directa a aqueles que teñen gastos en desprazamentos para participar en eventos internacionais.

Como é unha competencia autonómica da Xunta da Galiza non entendemos que desde a Federación Española se propuxese unha afiliación á parte sen contar con nós. Non estamos dispostos a que un xogador faga dúas afiliacións. Ademais, sabemos que na plataforma creada para a Federación Española achegan datos moi persoais... algo pouco acertado, penso eu. Por exemplo, demandan o número de DNI e mesmo o número de conta.

—Que motivos tivo a Federación Española para crear esa plataforma virtual?
Creouse, en principio, para substituír unha plataforma anterior onde se xestionaban todos os torneos. A empresa que o levaba deixouno e agora a actual non recolle os datos das federacións e solicita incorporalos de novo. Nestas empresas, ao final, está sempre o interese económico de conseguir beneficios.