Os xogadores do Fuenlabrada descubriron xa na Coruña a existencia de positivos

O laboratorio da Liga di que enviou os resultados "en tempo e forma" e Tebas laise falando de "cacería"-

.

O presidente da Liga, Javier Tebas: "Aínda non me cazaron". (Foto: Nós Diario).
photo_camera O presidente da Liga, Javier Tebas: "Aínda non me cazaron". (Foto: Nós Diario).

Cada día que pasa, o culebrón do coñecido como 'Caso Fuenlabrada' adquire novos e máis complexos xiros de guión, tan rebuscados que raian coa inverosimilitude.

Así, durante a xornada de onte o axente de futbolistas Rodrigo Fernández Lovelle, galego e representante do dianteiro onubense do Fuenlabrada Hugo Fraile, volveu axitar o avespeiro mediático afirmando en Radio Coruña que os profesionais do clube madrileño non descubriron dos positivos por coronavirus até poucas horas antes do encontro da derradeira xornada da liga de Segunda División contra o Deportivo, estando xa na Coruña, "mentres que a Liga o sabía desde o sábado".

"Os xogadores do Fuenlabrada -sinala Rodrigo Fernández Lovelle- advirten de que teñen compañeiros infectados o día de partido, na segunda feira arredor das cinco da tarde, no momento en que baixan a merendar e lles comentan que tal vez non se xogue o encontro polos positivos que detectaron. Até entón non sabían nada".

O axente apunta que tanto o seu representado como o resto dos xogadores do Club de Fútbol Fuenlabrada están "indignados" ante esta situación, que cualifica de "barbarie", e confirma que é posíbel que decidan acudir aos tribunais, "o que é lóxico".

Este baile de datas ao que contribúe Fernández Lovelle únese ao da cifras de contaxiados, pois o Sergas informou de que na Galiza había 18 casos positivos entre a expedición da escuadra madrileña, incluídos os 12 previamente diagnosticados a pasada quinta feira 23 de xullo.

Porén, o pasado sábado a dirección da escuadra do suroeste madrileño comunicaba que acumulaban até 28 persoas infectadas, realizando tests de Covid-19 sen poñelo en coñecemento da Consellaría de Sanidade, o que a Xunta cualificou de "comportamento reincidente que supón un incumprimento da normativa sanitaria".

Ademais, a empresa de análise contratada pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) para realizar esas probas de coronavirus, Synlab, informou de que eles reportaron "en tempo e forma"  os resultados das análises practicados ás futbolistas do Fuenlabrada, ante as acusacións da Comunidade de Madrid de non "notificar de forma inmediata".

Pola súa banda, Tebas sigue ao seu, coa actitude pasivo-agresiva que o vén caracterizando desde o estoupido do escándalo: "Eu non me teño que esconder. Se hai que cortarlle a cabeza a alguén, que sexa a min, pero non vou dimitir por actuar. O certo é que un xa está acostumado, por desgraza, a isto, a que sempre aproveiten calquera opción para desatar a cacería, pero eu levo aquí moitos anos e aínda non me cazaron".

  

Comentarios