[VÍDEO] As protestas contra o xenocidio interrompen a Volta a España na subida ao Angliru
Foi unha paralización momentánea, que afectou os tres corredores ‘escapados’ do pelotón. Polo menos 12 manifestantes detidos.
A etapa 13 da Volta a España, que ten un percorrido de 202 km desde Cabezón de la Sal (Cantabria) ao mítico Angliru (Asturias), sufriu un novo corte por parte dun grupo de activistas que, como leva sucedendo toda a semana, quixeron protestar contra a participación do equipo Israel-Premier Tech nesta competición.
A interrupción foi duns escasos segundos e forzas de seguridade e da organización da Volta axiña quixeron ‘despexar’ a estrada dos protestantes. Vinokurov, Jungels e Cepeda foron os tres corredores afectados por esta acción, ao ser os que ían escapados do pelotón.
Nueva protesta en favor de Palestina en #LaVuelta25.
— Teledeporte (@teledeporte) September 5, 2025
Cepeda, Jungels y Vinokourov se frenan justo antes de empezar la durísima ascensión al Angliru. #VueltaRTVE5S pic.twitter.com/Ns7SbUt2wa
As protestas a favor de Palestina e contra a presenza dun equipo israelí na Volta estanse a dar ao longo de todo o traxecto da etapa, en diferentes puntos e coa participación en total de centos de persoas.
As accións en solidariedade co pobo palestino e contra participación do equipo isralí Israel Premier Tech na Volta ciclista son xa habituais en cada unha das etapas. Para a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, unha "nova normalización do xenocidio en Palestina e un apoio explícito ao agresor".
Desde a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina chaman a todos os colectivos, asociacións e movementos sociais a sumarse á mobilización convocada durante as etapas da Volta, que pasará pola Galiza do 7 ao 10 de setembro.