Vía Galega rexeita a proposta do PP de modificar a Lei do Deporte e impedir ás seleccións galegas compertir internacionalmente
Ante o inminente debate no Senado, que votará hoxe a toma en consideración da reforma da Lei do Deporte presentada polo PP que, co pretexto de blindar a participación do Estado español, busca impedir a participación das seleccións das nacións sen estado nas competicións internacionais, Vía Galega amosou onte o seu "absoluto rexeitamento" desta proposta.
A plataforma afirma que a iniciativa do PP "é de profundo odio e negación contra os pobos e o seu dereito a existir e reivindicarse tanto nacional, como internacionalmente". Por iso, desde Vía Galega sinalan que sempre defenderán que co deporte "se transmiten múltiples valores, como o respecto, a participación, a diversidade ou a integración".
Para esta entidade, "o deporte é unha ferramenta fundamental na construción de identidades colectivas, e son precisamente as nosas seleccións as que nos representan como pobo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación".
Para Vía Galega, o dereito a competir internacionalmente é "vital para existirmos como pobo". Por iso, en 2021 iniciou a campaña 'Galiza, un Pobo, unha selección' cunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para reclamar a oficialidade. A acción avalárona 6.644 sinaturas, o que non impediu as críticas do PSdeG e o rexeitamento do PP.
Reforma do PP
Na proposta do PP que se votará no Senado, en concreto, quérese suprimir o apartado 2 do artigo 48 da Lei 39/2022, do 30 de decembro, do Deporte, no que se contempla que as federacións deportivas das nacións sen estado "poderán participar directamente no ámbito internacional se a federación internacional correspondente contempla a súa participación, no caso de modalidades ou especialidades deportivas con arraigamento histórico e social na súa respectiva comunidade autónoma".
Previsibelmente, esta norma sairá adiante no Senado pola maioría absoluta do PP e mandarase ao Congreso para que continúe co seu percorrido.
