Vía Galega leva á Cámara a cuestión da oficialidade das seleccións galegas

Representantes de Vía Galega reuníronse con membros dos tres grupos políticos no Parlamento (na imaxe, co BNG) para solicitar o seu apoio. (Foto: Nós Diario)
Reúnese cos grupos do Parlamento para solicitar apoio para a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular (ILP) 'Polo dereito da Galiza a poder competir oficialmente coas súas seleccións deportivas'.

Unha representación da plataforma social Vía Galega mantivo na xornada de onte unha reunión no Parlamento da Galiza con diferentes membros dos tres grupos parlamentarios para presentarlles a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular (ILP) Polo dereito da Galiza a poder competir oficialmente coas súas seleccións deportivas, enmarcada na campaña que Vía Galega está despregando desde o pasado ano 2021 por todo o país baixo o lema "Galiza, un pobo, unha selección".

A primeira destas reunións foi cunha delegación do BNG encabezada pola portavoz nacional da formación, Ana Pontón, quen estivo acompañada por Manuel Lourenzo, Montse Prado e Daniel Castro, voceiro da área de Deportes.

Aplataforma traballa na recollida do mínimo de 2.500 sinaturas necesarias para que a ILP se debata no Parlamento. 

No medio dun ambiente "moi receptivo", o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, sinalou despois da xuntanza co Bloque Nacionalista Galego que "o partido desexa facer posíbel que a Galiza teña competencias no ámbito deportivo, polo que a coincidencia foi absoluta". Inmediatamente despois reuníronse co socialista Julio Torrado Quintela.

"O PSdeG considera que se trata dun debate complexo, e aínda que expresaron estar de acordo cos contidos da ILP, non coinciden por completo coa nosa óptica sobre o dereito a competir das seleccións absolutas, polo que prometeron estudala, pero ven difícil comprometer o apoio", relatou Louzao.

A derradeira das reunións foi con Daniel Vega e Rubén Lorenzo, representantes do grupo maioritario na Cámara, o Partido Popular, quen "se mostraron sorprendentemente receptivos" a que se fagan encontros das seleccións galegas.

"Quedaron de debater e estudar a proposta", concluíu o portavoz de Vía Galega. Agora, a plataforma traballa na recollida do mínimo de 2.500 sinaturas necesarias para que a ILP se debata no Parlamento.