Os branquiazuis perden 3-0

O Valencia deixa o Dépor na zona de perigo

[Imaxe: RCD]

O Deportivo regresa á Coruña de baleiro após perder o partido que o enfrontou na tarde do domingo co Valencia en Mestalla. O equipo de Pepe Mel perdeu por 3-0 e fica agora en zona de perigo, na parte baixa da táboa.

Os cambios na defensa permitíronlle ao Valencia vivir unha das vitorias máis cómodas da temporada, en detrimento do Deportivo, que manexou ben o balón na primeira parte do encontro pero sen profundidade nun partido non exento de polémica.

O comezo estivo marcado por tres momentos álxidos: un penalti a favor do Dépor no minuto 8 (a afección deportivista pediu que se repetise a pena máxima, pois Alves adiantouse na liña de meta antes de que Faycal disparase); un gol anulado ao Dépor por un fóra de xogo inexistente no minuto 9 e o primeiro gol do Valencia no minuto 10, marcado por Ezequiel Garay.

Así, en cuestión de tres minutos, o Dépor pasou de ter dúas ocasións claras a ver como o Valencia se puña por diante no marcador. Os coruñeses esforzábanse en crear perigo, pero non dispuñan de oportunidades para subir o empate ao marcador.

O segundo tanto do Valencia chegou após un saque de recuncho en que Raúl Albentosa introduciu o esférico na súa propia portería. Estaba a piques de se facer a media hora de xogo.

No segundo tempo, o Valencia viu anulado un gol, nunha decisión acertada do árbitro, no minuto 61. Na recta final, Lux evitou o terceiro tanto en dous duros lanzamentos de Joao Cancelo. Nada puido facer o meta branquiazul cando o extremo portugués, na súa terceira ocasión, recortou na liña de fondo a Fernando Navarro e rematou, a media altura e cun disparo cruzado, para anotar o 3-0 co que concluíu o partido.

Após a derrota, o Dépor mantense con 27 puntos, 5 por riba da zona de descenso.

Valencia CF: Diego Alves, Martín Montoya, Garay, Abdennour, Gayà (João Cancelo, min. 83), Parejo, Enzo Pérez (Siqueira, min. 75), Munir, Carlos Soler, Orellana e Zaza (Santi Mina, min. 78).

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Carles Gil, Álex Bergantiños (Marlos Moreno, min. 70), Guilherme, Fayçal Fajr (Emre Çolak, min. 46), Andone e Joselu.

Goles: 1-0 Garay (min. 10); 2-0 Albentosa, en propia meta (min. 29); 3-0 João Cancelo (min.90+1).

Árbitro: De Burgos Bengoetxea (c. vasco). Tarxeta amarela a Martín Montoya (min. 7), Joselu (min. 16), Abdennour (min. 50) e Enzo Pérez (min. 55).