Unha equipa de amigos que camiñan miudiño

Coa décima posición na liga ACB, un Obradoiro CAB optimista admite, no entanto, que existir e competir cada día "é case un milagre"


Despois de catro temporadas na división de honra, o primeiro obxectivo do Obradoiro Clube Amigos do Baloncesto continúa a ser o de evitar o descenso. No que vai de liga fican xa atrás 10 vitorias e 12 derrotas.

A equipa galega está na décima posición entre as 18 da Liga ACB e os obradoiristas apostan por afrontar “polo miúdo” os 12 encontros que restan, tal e como clama a canción popular galega que xa se converteu no himno dos de Compostela, O Miudiño.

Así o manifestou, en declaracións a Sermos Galiza, o seu adestrador, o tamén compostelán Moncho Fernández quen, despois de tres cursos á fronte do clube, admite que “cada día que a equipa existe e compite, non hai que esquecer que é case un milagre”.

Despois dun axitado verán no que o clube compostelano se viu obrigado a recadar un capital social de 3 millóns de euros para se converter en Sociedade Anónima Deportiva por imperativo legal, o Obradoiro toma folgos alentado polos arredor de 2.500 accionistas que avalaron o proxecto.

Tal e como reflexiona o adestrador Domínguez, “para unha cidade tan pequena como Santiago, ter unha equipa na ACB é unha oportunidade única” e, de feito, o Obradoiro é o único conxunto galego de baloncesto que compite na élite.

Moncho afirma que precisamente é ese histórico instinto de supervivencia o que imprime o seu carácter á equipa compostelá.

Lembremos a batalla xudicial que o clube afrontou durante case 20 anos contra o Júver Murcia, pola inscrición do xogador arxentino Esteban Pérez como xogador español con un documento de identidade falsificado, no transcurso dos play-offs da temporada 1989-1990.

Neste senso, o treinador manifesta que “se ben a ferida desa longa loita xa está pechada, a cicatriz permanece” influíndo na personalidade e natureza do conxunto galego.

Non sen certa melancolía, o adestrador recorda que o slogan da súa primeira temporada no clube era “Eu non me rindo porque son do Obra”.

Ser xeneroso cos compañeiros

Pola súa banda, o capitán do conxunto compostelán, o catalán Oriol Junyent, que tamén disputa a súa terceira temporada coa camisola dos Blusens Monbus, alega que as claves dun bon xogo radican en “aspectos que non se valoran nas estatísticas”, coma “ser xeneroso cos compañeiros” ou “axudar na defensa”. De facto, para o pivote orixinario de Sabadell as causas do suceso do Obradoiro estriban no compañeirismo que reina na equipa dentro do vestiario, o cal “irremediabelmente” se reflicte no campo de xogo.

A este respecto, Moncho Fernández estabelece que é necesario ligar os obxectivos xerais do clube cos soños de cada xogador para obter óptimos resultados.

“O que facemos é manexar un grupo que, en orixe, é un sociogrupo, isto é, un conxunto de persoas que se xuntan para realizaren unha mesma tarefa, e o noso obxectivo é convertelo nun psicogrupo, e facer que os xogadores compartan obxectivos e soños comúns”, explica.

E engade: “Na equipa, hai moita xente que se dedica ao coidado do corpo, polo tanto, o coidado da mente é responsabilidade do adestrador”.

O capitán Junyent, para quen “é necesario deixar ben alto o nome de Galiza en cada partido”, acha primordial que “o Obradoiro se coñeza por ser a equipa que xoga máis limpo”.

Neste senso, o seu treinador declara que “tan importante é contar con bos xogadores coma con boas persoas” e con humildade salienta que para o Obradoiro “acadar a permanencia sería como acadar un título”.


NOTA: nas imaxes, o adestrador Moncho Fernández (arriba) e o capitán do Obra, Oriol Junyent (abaixo). As fotos son de María Abelleira 

Comentarios