UD Ourense e Pontevedra resolven hoxe o derbi galego na Copa do Rei

Vermellos e granates enfrontaranse no Couto.
Sen titulo
Rubén Domínguez e Borja Fernández, técnicos do Pontevedra CF e da UD Ourense, respectivamente. (Foto: Pontevedra CF / UD Ourense)

A Unión Deportiva Ourense e o Pontevedra Club de Fútbol disputan esta cuarta feira o derbi galego desta fase eliminatoria da Copa do Rei. Vermellos e granates enfróntase, a partir das 20.30 horas, no estadio ourensán do Couto, nun partido que poderá seguirse pola segunda canle da TVG. Ambos os dous equipos chegan a esta cita no torneo do KO con sensacións inmediatas diferentes. A UD Ourense chega tras encadear esta fin de semana a súa segunda vitoria consecutiva, a primeira fóra do Couto, e ante un rival directo como o Coruxo nun partido que dominou con claridade. O Pontevedra, despois dun sufrido empate a cero fronte ao Arenteiro. 

Mais pouco vai pesar iso no céspede cando soe o asubío inicial esta cuarta no Couto, nun encontro no que por primeira vez que se ven as caras en competición de ámbito estatal a UD Ourense e o primeiro equipo do Pontevedra CF –os ourensáns xa se enfrontaran co seu filial–, pois non coincidiron nunca na mesma categoría.

Un partido, ademais, que para os xogadores do club ourensán Rufo, Valentín Jaichenco, Manu Vizoso e Pol Bueso vai ter un sentido moi especial, pois se medirán ao club no que un día militaron.

O Pontevedra, "consciente" do que está en xogo"

O adestrador do Pontevedra , Rubén Domínguez, apelou esta terza feira a cumprir "coa responsabilidade" que supón levar o escudo dun histórico como o equipo do Lérez. "Cando pomos a camiseta e este escudo implica que hai que ser responsábeis e conscientes do que nos xogamos", afirmou esta terza. O técnico ourensán recoñeceu que nunha eliminatoria como a da Copa do Rei, a partido único e no campo rival, "pode pasar de todo, mais temos que honrar esta camiseta e marchar coa cabeza alta".

Domínguez chega con todos os xogadores, agás Hervías, dispoñíbeis para un encontro ao que recoñece que a UD Ourense chega coa moral alta. "Eles veñen de dúas vitorias seguidas, é a súa primeira participación na historia en Copa, e iso vailles xerar moitísima ilusión", considerou. O adestrador do Pontevedra, iso si, considera que o que teñen esta cuarta feira no Couto "é un reto e non é medo, é ilusión de por segundo ano consecutivo e tres no últimos catro traer o fútbol profesional a Pasarón", o que podería ser unha realidade de eliminar os ourensáns nesta primeira rolda do torneo.

Fernández: "Vai ser un partido especial"

Pola súa parte, o adestrador do equipo ourensán, Borja Fernández, lembraba esta terza que este ía ser o seu primeiro encontro como técnico na Copa do Rei: "Xa vivín [como xogador] partidos neste torneo, polo que ao principio non lle daba tanta relevancia ao que vai vivir este club. Agora si, e vai ser algo especial". O extremo esquerdo da UD, Jacinto Barbosa, pola súa parte, fixo un chamamento á afección a encher O Couto. "Animo a todos a que vaian ao estadio, vai ser un derbi contra un grande equipo", afirmou o ourensán, quen indicou que este "vai ser o noso primeiro partido na Copa", polo que hai que "encher" o campo, "algo que nós agradeceremos moito e eles gozarán moitisimo".

A UD Ourense naceu das cinzas do extinto Club Deportivo Ourense, desaparecido no ano 2014. O Pontevedra, que se vai enfrontar esta cuarta por primeira vez á UD, xogou en 54 ocasións contra o antigo Ourense. 

Comentarios