A Transgalaica volve a Ames despois de dous anos de ausencia

Foi a última proba disputada antes da pandemia.
Podio feminino da edición do 9 de febreiro de 2020, encabezado por Isabel Picoaga  (centro).(Foto: Transgalaica).
photo_camera Podio feminino da edición do 9 de febreiro de 2020, encabezado por Isabel Picoaga (centro).(Foto: Transgalaica).

O circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa un ano máis por Ames, na que é xa a sexta cita consecutiva no concello sen contar a parada de 2021 por mor da situación epidemiolóxica. A proba, que terá lugar este domingo 13 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2022. A primeira etapa tivo lugar o pasado 27 de febreiro en Cerdedo-Cotobade, mentres que as tres seguintes disputaranse ao longo de marzo e abril na Estrada, Silleda e Manzaneda.

A carreira comezará ás 9.30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Desde aí volverase até Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada. 

Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 11 horas e a segunda sobre as 12.30. Antes, a partir das 8, comezará o reparto de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar, previsibelmente, pasadas as 13.30 horas.

A concelleira de Deportes de Ames, Susana Señorís, celebrou a volta deste evento deportivo, o último en desenvolverse en 2020 antes do comezo do confinamento por mor do coronavirus. "Volver organizar esta proba é unha esperanza e unha sinal de que parece que todo volve rodar. Xa imos polas 300 persoas inscritas, a proba ten unha gran aceptación e nós estamos sempre encantadas de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que fagan", apuntou.

No mesmo sentido se pronunciou Jorge Pérez, do club ciclista amesán Os Esfola Arrós, que cualificou á Transgalaica como "un dos referentes do ciclismo de montaña no noroeste da península, e así o avalan as dezaseis edicións que se levan organizando". Ademais, recordou o valor deste tipo de probas á hora de dar a coñecer o concello: "Esperamos e contamos con que a xente, a parte de vir facer a proba, volva máis veces e coñeza e dea a coñecer Ames".

O VigoBikeContest, escaparate da rapazada

O calendario de Mini DH volve á Galiza con moita forza da man de sete eventos, dous deles urbanos, que ofrecerán a posibilidade ás cativas e aos cativos de gozar ao longo do ano 2022 da disciplina de descenso

A tempada abre nos montes da parroquia olívica de Saiáns co VigoBikeContest. Singletrack Outdoor Sports organiza unha xornada que supón o regreso do Mini DH despois de dous anos de paréntese por mor da pandemia

A cidade olívica tamén acollerá a segunda proba do ano, pois o sábado 2 de abril o Club Ciclista Coruxo argallará un Descenso centrado nas categorías de base co que se fechará o primeiro bloque do calendario. 

O Mini DH reactivarase en plenas vacacións escolares de verán. En menos de dous meses están previstas cinco citas: o sábado 2 de xullo, o Mini DH Val de Esmelle alcanzará a súa sexta edición; o domingo 10 de xullo, o XSM será o anfitrión do Marínpabaixo; o sábado 30 de xullo, volverá a escena o Mini DHU Vila de Sarria, do que se encarga o DH Galiza; unha semana despois, o sábado 6 de agosto, a Federación Galega organizará o Mini DH Manzaneda Bike Park; e o feche da tempada será o sábado 27 de agosto da man do Maese Riders Team no Mini DHU Concello de Ourense.

Comentarios