Tirán fai historia para o remo galego ao conquistar a súa segunda bandeira na temporada ACT

A representante galega gañou en casa, Moaña, con contundencia e por diante de traiñeiras tan fortes como Kaiku, Orio ou Urdaibai. De por parte, e nesta mesma fin de semana, comezaba a Liga Galega de Traiñeiras, con dous líderes: Meira e Ares

traiñeiras, remo, tirán
photo_camera Tirán, en plena ceaboga

Vogaba en casa. E non defraudou. A traiñeira de Tirán marcou un tempo de 19 minutos e 43 segundos, con ritmos de até 40 padas por minuto. E gañou, levando a Bandeira de Moaña, por diante de Kaiku (que ficou terceira) e Hondarribia (feliz co segundo posto).

Tirán fai historia. No que vai de Liga ACT conquistou dúas bandeiras, a de Portugalete e esta de Moaña. Algo que o remo galego non conseguía desde aquel Mecos glorioso do 2003, que tamén gañara dúas enseñas.

Os tres primeiros postos foron, logo, para Tirán, Hondarribia e Kaiku. Sabor amargo para os de Kaiku. Mais tamén con un punto doce: algúns dos seus rivais máis directos para esta temporada, desplomáronse, como Orio ou Urdaibai.

Cuarta, na xeral, e co mellor patrón da ACT

Esta gran regata de Tirán sitúa os de Moaña cuartos, con 41 puntos, entre as 12 traiñeiras que compiten nesta Liga ACT. Só superada por Kaiku, Orio e Urdaibai.

Aliás, David Álvarez confírmase como líder na clasificación de mellores patróns de traiñeiroas, con 9 puntos, e por diante de nomes coma os de Asier Zurinaga (Kaiku) ou Endika Perez (Pasajes de San Juan)

Liga Galega

E esta fin de semana foi a do inicio da Liga Galega de Traiñeiras, con máis embarcacións ca nunca. Na primeira das categorías (A), a clasificación está liderada por Meira, seguida por Cabo de Cruz e Amegrove. A continuación: Chapela, Mugardos, Vilaxoán, Cabana e Mecos.

Na categoría B, o liderato reside nunha contundente Ares. En segundo posto, a tripulación de Cabo B, seguida de Salgado-Perillo. A táboa complétase coas embarcacións de A Pobra, Esteirana, Morrazo, Rianxo, Coruxo e Cesantes

Comentarios