Tirán ergue os remos en Portugalete e fai soñar ao remo galego

A embarcación de Moaña venceu con contundencia en augas da ría bizkaitarra e escala até o 4º posto na clasificación da Liga ACT

Traiñeiras en Portugalete

A traiñeira de Tirán, Moaña, amosou esta fin de semana en augas de Portugalete que a Liga ACT vai dar moito que falar. A embarcación Mar do Con ergueu a Bandeira de Portugalete ao imporse ás outras 11 tripulacións. Sacou perto de 6 segundos aos segundos clasificados (Orio) e máis de 10 aos terceiros (Kaiku).

Na terceira xornada da Liga ACT, desenvolvida en augas de Portugalete, a única representante galega meteu no peto a súa primeira vitoria. Foron 12 puntos que a auparon até a cuarta clasificación xeral da ACT, só por detrás de tripulacións tan potentes como Kaiku, Orio e Urdaibai.

Vento e correntes

E Tirán non viña a esta cita en augas de Bizkaia con bo sabor de boca. A xornada anterior, en Laredo (Cantabria) finalizara novena. Mais iso non a desanimou e en Portugalete alzou os remos (símbolo de vitoria e tamén de respeto nas competicións de traiñeiras).

Certo que se viu favorecida polas circunstancias: A regata estivo condicionada por un vento e unhas correntes mariñas que ían aumentando a medida que se ían desenvolvendo as diferentes tandas. Os galegos, ao saíren na primeira, non se viron tan prexudicados. Mais iso non resta mérito ao feito polos de Moaña. Os parabéns do resto de tripulacións á regata feita `por Mar do Con é unha mostra diso.

David Álvarez lidera a lista de mellor patrón de traiñeiras

Aliás, e xa no que atinxe á claisificación de mellores patróns de traiñeiras de 2013, o responsábel da embarcación de Tirán, David Álvarez, encabeza a lista, claramente por diante do segundo e terceiro claisificados: Ikoitz Etxeberria (patrón da traiñeira de Orio) e Asier Zurinaga (Kaiku). Máis un motivo de orgullo para o remo galego en banco fixo.

Comentarios