luns 19/04/21

O soño olímpico fai 125 anos entre incertezas

Triste aniversario para os Xogos Olímpicos na era moderna, sumidos nun escenario complexo logo da primeira suspensión que padeceu o evento deportivo máis importante do mundo desde a Segunda Guerra Mundial e coas dúbidas sobre como e canto condicionará a pandemia Toquio 2021, que comezará en apenas tres meses.
A cerimonia inaugural de Atenas 1896 congregou 80.000 persoas nun Estadio Panathinaikó que foi completamente reconstruído con mármore. (Foto: Nós Diario).
A cerimonia inaugural de Atenas 1896 congregou 80.000 persoas nun Estadio Panathinaikó que foi completamente reconstruído con mármore. (Foto: Nós Diario).

Hai hoxe 125 anos retomábase en Grecia unha tradición con 1.628 anos de antigüidade que fora proscrita desde o 393 da nosa era polo emperador Teodosio I  por considerala "pagá" e "inmoral": a disputa dos Xogos Olímpicos. 

Desposuídos das connotacións que levaran á súa prohibición 15 centurias atrás, a súa etapa moderna foi inaugurada en Atenas por uns fastos presididos polo monarca grego Xurxo I e desenvolvidos ante 80.000 almas no marco incomparábel do Estadio Panathinaikó de Atenas, erixido orixinalmente no ano 566 antes de Cristo e completamente reconstruído, co gallo do regreso dos Xogos, con mármore branco procedente do veciño monte Pentélico.

O evento congregou 241 atletas de 14 países diferentes, que participaron en 43 competicións de tiro, natación, loita, tenis, ximnasia, halterofilia, esgrima, ciclismo e, por suposto, atletismo -do que a proba estrela non podía ser outra que o maratón- co obxectivo de, en palabras do seu promotor, o francés Pierre de Coubertin, "irmandar inimigos" e "propulsar treguas" pola vía atlética".

Ese nobre ideal quedaría deturpado co paso do tempo, pois os Xogos Olímpicos tornaron en parte do taboleiro político global, convertidos así en plataforma de exposición do poderío da Alemaña nazi en Berlin '36, escenario dunha matanza de xudeus (Münich '72), arma lanzadeira entre as superpotencias soviética e americana nos respectivos boicots a Moscu '80 e Os Ánxeles '84 ou na máis recente exclusión íntegra de Rusia por un presunto escándalo de dopaxe. 

Ademais, e desde hai xa polo menos catro décadas, os Xogos e todo o que os rodea tamén implican un negocio multimillonario sustentado polos distintos estados e multinacionais como Coca Cola, McDonalds, Samsung, Toyota ou Visa, que en non poucas veces se viu manchado con escándalos de corrupción.

Afortunadamente, outros cambios foron para mellor, como no referente á presenza da muller, hoxe peza fundamental pero ausente na primeira edición porque o seu promotor consideraba que o deporte feminino non era "nin interesante nin estético", e que o seu papel debía cinguirse a ser "o mesmo" que desempeñaban na Grecia clásica, é dicir, "coroar os campións con grilandas".

A esperanza de Toquio 2021

Os Xogos Olímpicos de Toquio terían que desenvolverse o pasado verán do ano 2020, mais a pandemia da Covid-19 obrigou a suspender unha edición dos Xogos Olímpicos por cuarta vez na historia, a primeira desde o final da Segunda Guerra Mundial.

Cunha cerimonia inaugural prevista para o 23 de xullo deste ano, o Comité Olímpico Internacional ve o seu regreso como, en palabras do seu presidente, Thomas Bach, "unha luz ao final do túnel" da pandemia. Non obstante, a realidade é que as incertezas rodean a cita xaponesa, pois a estas alturas nin sequera está confirmada a presenza (ou non) de público de fóra do Xapón.

Polo de agora, a organización anunciou a prohibición da presenza de espectadoras estranxeiras e o reembolso de 600.000 boletos, medida totalmente apoiada pola sociedade local, mais non cabe descartar un cambio de última hora ante os avances na vacinación e a presión de empresas e do propio Comité Olímpico Internacional.

comentarios